Ourense | O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo coa directiva do Clúster da Lousa, conformada polo seu presidente, Víctor Miguel Cobo Arias; o vicepresidente por Ourense, Daniel León; o xerente, Severino González; e Eliseo López como membro da xunta directiva.
No encontro abordaron a situación que vive actualmente esta actividade, así como a súa forte repercusión na provincia e en concreto na comarca de Valdeorras, pois xera 2.000 empregos directos e unha media de 4 indirectos por cada emprego directo.
Na liña da importancia social e económica deste sector, o presidente provincial comprometeuse a que a Deputación continuará coa colaboración que xa está consolidada co clúster, “onde ademais de axudar nos gastos de funcionamento e de xestión, tamén colaboraremos na promoción deste sector”, explicou Menor, quen concretou que na reunión falaron da posibilidade de crear un “Día da Lousa” para darlle “un pulo que constituirá un factor de promoción novidoso en moitos eidos”.
Menor recalcou que o compromiso da Deputación é firme con este sector estratéxico da economía provincial, e avanzou que haberá novos acordos de colaboración que serán anunciados en vindeiras datas.