Rairiz de Veiga | A Deputación de Ourense vén de investir 48.000 euros na mellora dos firmes nos accesos aos núcleos poboacionais de Barracel e Quilmelas no Concello de Rairiz de Veiga. O presidente provincial, Luís Menor, visitou hoxe Barracel, acompañado pola alcaldesa deste municipio, Asunción Morgade, para comprobar o avance destas obras que permitirán “mellorar a calidade de vida da súa veciñanza e as condicións medioambientais da contorna”.
Menor lembrou que estas actuacións “demostran, unha vez máis, que a cooperación cos concellos da provincia é unha das grandes prioridades para este goberno provincial”.
Adiantou que esta “liña de traballo de colaboración seguirá a ser a nosa máxima como institución porque a nosa prioridade son os veciños e veciñas da provincia”.
As obras de mellora consisten na limpeza dos bordes laterais e a eliminación de vexetación, a limpeza enérxica do pavimento existente, a reparación total e bacheo en zonas puntuais, a rexeneración do pavimento existente, a sinalización, pintura e balizamento.