Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, ratificou o compromiso da institución provincial coa asociación Aspanas, á que felicitou polo “labor tan importante que desempeña de xeito maxistral coas persoas que máis e mellores coidados precisan”. Menor Pérez fixo estas declaracións durante a visita que realizou ás instalacións da entidade situadas en Velle, acompañado polo director e a coordinadora do centro, Javier Rodríguez e Belén González.
Durante o percorrido polo centro, Luís Menor tivo ocasión de coñecer os diferentes talleres nos que traballan os internos, como reciclaxe creativo o artes plásticas, ademais de servizos como a lavendería.
Trala visita, Menor puxo en valor o traballo dunha entidade como Aspanas, á que a Deputación de Ourense destinará unha axuda de 60.000 euros para contribuír ás obras de reforma que se executan nas instalacións, en concreto á modernización de adaptación dos baños.
Pola súa banda, o director do centro de Aspanas, Javier Rodríguez, agradeceu expresamente á Deputación e ao seu presidente a cooperación activa coa asociación, “pois sen esa colaboración pública o noso proxecto sería inviable e temos que procurar a mellor calidade dos nosos usuarios”.