Ourense | Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, reivindicou a figura do sacerdote, xornalista, político e fundador do movemento agrario Acción Gallega, Basilio Álvarez, o que cualificou como “un inquebrantable loitador e exemplo de fidelidade con Ourense, un dos nosos que tamén mantiña vida a súa querenza por Galicia”.
Baltar pronunciou estas palabras na primeira homenaxe institucional que, impulsada pola presidencia da Deputación, celebrouse esta mañá na parroquia de Beiro con motivo do 144 aniversario do nacemento de Álvarez.
Fronte á igrexa parroquial, Manuel Baltar afirmou que este era “un acto de recoñecemento a unha personalidade arrolladora, a un ourensán rebelde, polémico, a un axitador político, fiel aos seus principios, que por riba de calquera ideal defendía a liberdade e dignificación do ser humano, e que hoxe vería cumpridas as aspiracións que seguramente perseguía ao ver aquí ao presidente dun Parlamento galego”, dirixíndose a Miguel Santalices, que tamén asistiu á homenaxe.
O presidente provincial defendeu o labor da Deputación “lembrando e dignificando a vida e traxectoria de ourensáns ilustres, porque as institucións non podemos exercitar a desmemoria, senón que temos que poñer de relevo personalidades tan fortes como a de Basilio Álvarez.
Neste sentido anunciou que a Deputación vai encargar ao profesor de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Cabo, tamén presente no acto, “unha biografía que non existe e que será unha achega fundamental para a historia contemporánea de Ourense, Galicia, España e Iberoamérica”.
“A Deputación vai encargar ao profesor de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Cabo, tamén presente no acto, ‘unha biografía que non existe e que será unha achega fundamental para a historia contemporánea de Ourense, Galicia, España e Iberoamérica”
Emprazou ademais ao tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, tamén presente, a que se restaure nun céntrico espazo da cidade o nome de Basilio Álvarez, que xa tiña unha rúa dedicada pero que tralo levantamento de 1936 foille retirada para designala como Capitán Eloy, hoxe Concordia.
O presidente provincial rematou a súa intervención coas palabras que Castelao pronunciou no centro ourensán de Bos Aires, con motivo da celebración do cabodano de Álvarez nun acto promovido por Rodolfo Prada Chamochín, e onde dixo “morreu o abade de Beiro; xa non latexa aquel corazón indomable, defensor das causas xustas, o predicador dunha vida de amor e esperanza; endexamais morrerán a súa voz e a súa pluma”.
Xunto con Manuel Baltar, participaron o xa citados presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e o tenente alcalde de Ourense, Armando Ojea, ademais do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; representantes de fundacións culturais; e o presidente da asociación de veciños de Santa Olaia de Beiro, Eugenio Iglesias, actuando como mantedor da celebración o presidente da Fundación “Insua dos Poetas”, Luis González Tosar, que definiu ao homenaxeado como “verdadeiro espertador da conciencia social de Galicia”.
O profesor Miguel Cabo sinalou na súa intervención que “de Basilio Álvarez sabemos ou cremos saber moitas cousas, pero é máis dubidoso que teñamos conseguido ir máis aló do personaxe que el mesmo creou; para moitos galegos aínda hoxe é o único persoeiro que poden mencionar relacionado co movemento agrarista, pero en 66 anos deulle tempo a vivir varias vidas e desempeñar con intensidade diversas profesións, sendo un persoeiro que todos contemplaron cunha mestura de receo e fascinación, que nunca se deixou manexar por ningún dos seus contemporáneos, nin políticos, nin bispos”.
Pola súa banda, o presidente da asociación veciñal, Eugenio Iglesias, afirmou que en Beiro “sempre nos consideramos unha parroquia diferente, con inquedanzas culturais e sociais, e Basilio Álvarez marcou esas diferenzas”. A homenaxe fronte á igrexa parroquial de Beiro, da que foi titular entre 1912 e 1914, incluíu unha ofrenda floral diante do busto que sufragou e dedicou a veciñanza en 1991, o descubrimento dunha placa conmemorativa na que se resume a biografía de Álvarez, e a interpretación de varias pezas musicais a cargo do grupo de gaiteiros Os Lubicáns.