Xinzo de Limia | Luís Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense, inaugurou hoxe, en Xinzo de Limia, a IV edición da Feira Alimagro, onde afirmou que a Deputación de Ourense seguirá a ser “unha firme aliada do sector agrogandeiro da provincia”. No acto tamén participaron o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz; o concelleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González; así como representantes institucionais públicos e privados.
O presidente do organismo provincial destacou o compromiso a prol dun dos sectores de referencia “para a nosa provincia e, sobre todo, para a comarca da Limia, eminentemente agrícola”.
Puxo en valor o traballo que realiza a institución provincial de apoio e asesoramento aos agricultores ourensáns a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, situado en Xinzo de Limia, no que tamén se realiza un labor importante e destacable no eido da investigación.
Esta feira, organizada polo Concello de Xinzo de Limia e que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, estará ata o domingo amosando as novidades sobre o cultivo da pataca e da maquinaria agrícola.
Neste sentido, o presidente do goberno provincial asegurou que esta edición volverá a reforzar, grazas á colaboración público e privada, o papel de Xinzo e desta comarca “como o territorio de referencia do sector primario en Galicia”.
Maquinaeia
A feira, que ten vocación de converterse nun referente nacional, divídese en dous espazos: no pavillón de deportes estará a sede da feira da pataca, e no parque do Toural en Xinzo estarán expostas as novidades da maquinaria.
Será precisamente no pavillón, onde a Deputación de Ourense participará estes tres días en Alimagro, a través do stand que ten o Inorde para achegar o traballo que realiza o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, a todos os que visiten esta feira.
O obxectivo desta feira, ademais de servir de escaparate para todo o sector da pataca de España e Portugal, é reforzar o vínculo entre produtores de semente, cultivadores e operadores de toda a Península. Por elo, o presidente da Deputación de Ourense felicitou á organización da feira por ter “esa visión internacional” da mesma.