Deputación de Ourense trae a esencia de Cuba para colgar nas súas paredes

Ariansis Reyes e Frank González chegan coas súas pinturas e as cores do Caribe

Ourense | A Deputación decidíu hai pouco máis dun ano dedicar parte das paredes do Pazo Provincial a espazo expositivo onde ofrecer unha mostra da capacidade creativa existente na nosa provincia. E agora a oferta chega directamente dende Cuba, con dous artistas que buscan asentarse vitalmente entre nós e ao tempo ofrecer o seu traballo pictórico.

Precisamente, esta mañá o presidente provincial, Luis Menor, visitou acompañado dos artistas e do director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González, esta mostra, da que destacou que, en palabras de Menor, “amosa o carácter emigrante da nosa provincial que agora é acolledora de persoas quue veñen aquí como antes marcharon os nosos pais e avós, e desde logo na Deputación estamos encantados de axudar a visibilizar a súa arte e a súa realidade”.

A exposición titulase “Aquí e agora” e ven a significar un paso máis na traxectoria creativa de Ariansis Reyes e Frank Elia González, unha parella na vida cotiá e dous proxectos pictóricos diferentes. Ariansis Maricel Reyes Jordan (1991, Manzanillo-Granma-Cuba) é unha artista graduada na Academia Profesional de Artes Plásticas “Carlos Enrique Gómez” de Manzanillo. As súas obras son unha terapia introspectiva que, a través de cores, contrastes, pinceladas e figuras en tecido expresan emocións complexas e sentimentos persoais. “A miña obra non é só un proceso de curación persoal senón tamén unha crítica ás normas sociais que impoñen ideais de beleza e comportamento”.

Frank Elia González Martínez (1990, Manzanillo-Granma-Cuba) graduouse na mesma Academia Profesional de Artes Plásticas e ao concluír os seus estudos, traballou temporalmente no Taller de Libre Creación da súa localidade natal. Onda os e as artistas da cidade, participou en diversos proxectos e exposicións. A súa obra está rexida pola memoria, coa que trata de construír unha identidade propia onda a súa contorna. “Ante o lenzo eu enfróntome ás miñas contradicións e é aí onde desenvolvo as miñas ideas e os meus proxectos”. As súas obras poden verse na planta principal do Pazo provincial, sede da Deputación de Ourense.

Deixa unha resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.