Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou este sábado que o plan +Provincia achegará máis investimento, máis autonomía local e máis apoio aos retos de futuro dos concellos. En conxunto alcanzará os 48,2 M€, un 9,5% máis que o ano pasado, que converterán o primeiro plan de Obras e Servizos do actual goberno no máis alto da historia da institución provincial. “O +Provincia será un motor de desenvolvemento local, o resultado da escoita activa aos alcaldes e un baluarte do municipalismo deste goberno”, sinalou López.
Logo de presentar aos alcaldes as liñas mestras do plan en outubro e de recibir ás demandas formuladas polos rexedores nas últimas semanas, López avanzou que o +Provincia incorporará catro liñas de subvencións para os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes: todos, agás as cidades de Vigo e Pontevedra. Nomeadamente, reservaranse un total de 33,74 millóns na liña 1 para financiar investimentos (o 70% do total), 4 millóns na liña 2 para atender a gasto corrente (8,3%); 9,25 millóns na liña 3 para a activación do emprego (9,2%) e, como novidade, incorporarse unha cuarta liña dotada con 1,2 millóns de euros para financiar a redacción de proxectos para a transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas (3%).
En canto ao reparto, o plan distribuirá o crédito en base a unha porcentaxe fixa, que será do 45%, e unha variable, do 55%, segundo criterios de poboación, superficie, núcleos e, por primeira vez, de incidencia do reto demográfico. Deste modo, o 43,57% dos fondos (21 millóns) distribuirase entre os 36 concellos de menos de ata 10.000 habitantes, mentres que o 33,71% do orzamento (16,25 millóns) irá destinado aos 15 concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes. Finalmente, os oito concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes beneficiaranse de 10,95 millóns, o 22,75% do total. Deste xeito, preto do 80% do orzamento do +Provincia recaerá sobre os concellos de menos de 20.000 habitantes para atender as súas necesidades.
Maior autonomía local
Entre as novidades, e como resposta á demanda de numerosos alcaldes ante a pronunciada suba de custos, o +Provincia ofrecerá aos concellos maior autonomía local para decidir as súas necesidades de gasto. Así, ademais de contar cos fondos da liña de gasto corrente, os concellos poderán recorrer a ata un 30% -e con carácter excepcional e só en 2024 a ata un 50%— do crédito de investimento para amortizar débedas de exercicios pasados, financiar servizos municipais ou obras non consideradas de investimento, sempre e cando estean debidamente xustificados.
Desafíos dos municipios
Do mesmo xeito, para axudar aos concellos a afrontar aos seus grandes desafíos de futuro, a Deputación incorporará nas bases do +Provincia iniciativas como a liña 4, destinada a que os municipios poidan redactar proxectos encamiñados a transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas.
O goberno de Luís López, ademais, decidiu incorporar dentro dos baremos de reparto un criterio de reto demográfico co que reforzar o apoio a aquelas zonas que máis están a padecer esta realidade, que se sumará aos de poboación, superficie e núcleos de poboación. Dito criterio ponderará aos concellos que máis perderon poboación nos últimos dez anos e aos que maior índice de envellecemento presentan, segundo a relación entre a poboación maior de 64 anos e a menor de 20. Esta consideración cara o reto demográfico súmase a outras medidas postas en marcha pola Deputación, como a creación dun novo servizo de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, dotado con 1,2 millóns de euros no vindeiro Orzamento.
Finalmente, Luis López afirmou que o +Provincia “evidenciará a vontade da Deputación de tender pontes coa administración local e estar ao seu carón para que a provincia vaia a máis”. O +Provincia é o principal plan de Cooperación da Deputación, área que concentrará o vindeiro ano a maior parte dos 189,2 millóns do Orzamento provincial: con 66 millóns, un 16% máis que en 2023, 1 de cada 3 euros irán dirixidos a apoiar directamente aos concellos.
Bioeconomía azul no Espazo Atlántico
A Deputación de Pontevedra está a traballar con entidades de Francia, Irlanda e Portugal para abordar os retos clave da bioeconomía azul no Espazo Atlántico. A través da Estación Fitopatolóxica Areeiro a institución provincial está a participar no proxecto europeo BEAP-MAR, coordinado pola Universidade de Santiago, que conta cunha subvención de 1,66 millóns de euros do Interreg Atlantic Area 2021-2027 que cobre o 75% do orzamento total do proxecto, que ascende aos 2,2 millóns de euros.
O obxectivo principal de BEAP-MAR, cuxa primeira xuntanza de traballo terá lugar o 30 de xaneiro no Campus de Lugo da Universidade de Santiago, é valorizar os organismos mariños que non se teñen explotado comercialmente de maneira tradicional, como novas cepas de microalgas e macroalgas, fungos mariños e esponxas, coa finalidade de desenvolver novos proxectos innovadores e produtos sostibles de alto valor engadido.
No caso concreto da Deputación de Pontevedra, a Estación Fitopatolóxica Areeiro comezou cos traballos de identificación dos diferentes organismos mariños, principalmente fungos, para que outros dos socios do proxecto poidan despois analizar se en ditos organismos existe algunha biomolécula que poida ser empregada na industria.
O orzamento da institución provincial para esta iniciativa é de 164.315 euros, dos que o programa Interreg financia o 75% (123.236 €).
Ademais da USC e da Deputación, hai outros seis socios no proxecto BEAP-MAR, pertencentes a catro estados membros da Área Atlántica: dúas universidades, a de Galway (Irlanda) e a do Algarve (Portugal); dous centros superiores de investigación, o Politécnico de Leiria (Portugal) e o Commissariat a l’énergie atomique et énergies alternatives (Francia); unha axencia nacional, a French Agency for Food, Environmental and Occupational Health & Safety (Francia), e un centro de innovación empresarial, o WestBIC (Irlanda).