Pontevedra | A Festa da Lamprea, que entre os días 22 e 24 de abril encherá Arbo de miles de comensais para exaltar esta exquisita especie primitiva de millóns de anos, volverá contar un ano máis co apoio da Deputación de Pontevedra. A institución provincial destinará 6.000 euros para promocionar o evento, declarado de interese turístico nacional en 2016 e consolidado como un dos grandes reclamos festivos do calendario gastronómico de Galicia.
A Deputación salienta que se trata dunha das festas gastronómicas máis antigas da comunidade, que arrancou no ano 1961 e que, dende aquela, tense convertido nun foco de atracción de milleiros de persoas que se dan cita en Arbo para desfrutar das múltiples preparacións da lamprea.
O obxectivo da institución provincial con esta axuda é xuntar esforzos e impulsar accións conxuntas para promover o turismo na provincia, acadar unha maior difusión da Festa da Lamprea e dar a coñecer este manxar, que ten como base unha especie capturada de xeito tradicional e da que xa desfrutaban os emperadores romanos.
A Festa da Lamprea naceu da man da veciñanza, funcionariado e empresas de restauración do concello de Arbo para dar a coñecer tanto os viños da zona como o seu produto estrela. Dende aquela, cada última fin de semana de abril enxálzase esta delicia culinaria que pode degustarse en múltiples preparacións: dende á arbense (en cazola de barro guisada coa súa propia sangue, con arroz branco e pan tostado) ata seca, rechea, á brasa, con tirabeques ou en empanada.
A Festa da Lamprea é unha das catro citas declaradas de interese turístico nacional da provincia. Comparten esta distinción a Festa da Reconquista de Vigo, a Festa do Marisco do Grove e a Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa.
A Deputación apoia ano tras ano estes eventos, ao igual que as festas de interese turístico internacional e todos aqueles acontecementos festivos que contribúen á promoción do territorio.