Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas do Plan Concellos 2022-2023 das que se verán beneficiados outros 10 municipios da provincia que con estas partidas poderán financiar a contratación de 161 persoas.
As subvencións, que suman un total de case millón e medio de euros, corresponden á liña 3 do plan provincial que chegarán aos concellos de Vila de Cruces, A Cañiza, Covelo, A Estrada, O Grove, Meis, Oia, Moraña, Ponteareas, Soutomaior e Vilanova de Arousa para contratar persoas con perfís como albaneis, guías de turismo, peóns e peoas de medio ambiente ou animadores/as socio-culturais.
Os fondos provinciais chegarán á comarca do Deza, cunha achega para A Estrada de 209.870 € para contratar a 20 persoas, e á do Salnés, onde O Grove contará con 177.800 € para contratar a 19 persoas, Meis con 106.100 € para facer o mesmo con outras 11 e Vilanova de Arousa con 164.750 € para contratar a 17 persoas.
Tamén foron aprobadas achegas para a comarca de Pontevedra con 108.000 € para contratar a dez persoas en Moraña e á do Baixo Miño con outros 102.400 € para que Oia contrate a once persoas.
Na comarca de Vigo será o concello de Soutomaior o que reciba 128.200 € para contratar a 18 persoas. Por último, para a comarca do Condado-Paradanta foron aprobadas achegas para A Cañiza, 124.900 € para contratar a 12 persoas, Covelo, 103.250 € para 14 persoas, e Ponteareas, 256.700 € para contratar a 29 persoas.
Programa ‘Descúbreas’ para o talento feminino
A Deputación de Pontevedra, en colaboración con Regalamúsica, vén de lanzar a segunda edición do programa “Descúbreas”, o seu pioneiro proxecto de empoderamento das rapazas do ámbito musical que ten como obxectivo terminar coa brecha de xénero e a invisibilización das mulleres nesta industria.
Esta nova edición arranca coa apertura do prazo de inscrición no programa de mentoring que constitúe un dos eixos centrais de “Descúbreas” e que permitirá a 8 nenas e mozas da provincia iniciar os seus pasos profesionais na música da man de mulleres referentes do sector en Galicia.
“Este é un proxecto pioneiro e potentísimo que na súa primeira edición ten sido un exitazo –destaca a presidenta provincial, Carmela Silva- e que está na liña que defendemos sobre o feito de que a igualdade entre homes e mulleres é fundamental e non pode reducirse a palabrerías, senón que ten que dotarse de accións en todos os ámbitos”.
Engadiu que este programa “está a conseguir unha gran presenza e moitas oportunidades para as nenas e mozas” e, deste xeito, citou que moitos concellos da provincia xa utilizaron o pasado ano directorio de artistas que contén a plataforma web de “Descúbreas” para realizar contratacións musicais.
Este segundo programa de titorización irá acompañado ao longo do ano, como subliñou a presidente, “doutras actividades de visibilización das mulleres da música”. Desde agora e ata o vindeiro 11 de marzo, nenas e rapazas de entre 16 e 30 anos poden solicitar a súa participación en “Descúbreas Mentoring” preferentemente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Deputación, e teñen tamén a información dispoñible nesta ligazón que atoparán na web do programa (Descubreas.com).
De acordo ás bases do proxecto, ofrécense 8 prazas neste programa titorizado por persoal especializado , cunha duración estimada de catro meses, e no que nenas e mozas terán acceso a un itinerario individualizado, así como á gravación dunha canción propia en estudio e á gravación e realización dun vídeo musical, filmado por un equipo audiovisual de profesionais de Regalamúsica. Trátase de bolsas cun valor estimado cada unha de 1.000€.
Mentoras referentes
As mentorías estarán impartidas por mulleres referentes na industria musical e a iniciativa inclúe tamén diversas accións que lles aportarán ás participantes as ferramentas necesarias para iniciar a súa andadura na industria, amais de abrirlles as portas a novas vocacións máis técnicas ou de xestión do sector cultural. Raquel Seijo, xerente de Sweet Nocturna e presidenta de Festivais de Galicia; Patricia Hermida, xerente de Dotbeat e copresidenta do International Music Managers Forum (IMMF) e a artista Wöyza, unha das mellores voces do rap e o Rhythm & Blues, son algunhas das mentoras da primeira edición do proxecto, ás que se sumarán outras mulleres de relevancia nacional e internacional.
Entre elas Salomé Limón, produtora musical gañadora de 5 Latin Grammy e que ten traballado con artistas como Andrés Calamaro, Paco de Lucía, Anoushka Shankar, Chick Corea, John Legend, Vampire Weekend ou con Enrique e Estrella Morente entre outros, e que amais do mentoring tamén participará noutro dos actos previstos en “Descúbreas”.
A industria da música amosa cifras moi afastadas da paridade. Segundo datos do estudo publicado o pasado ano 2021 pola Asociación de Mulleres na Industria Musical, case o 70% das mulleres deste sector en España cobra menos do soldo medio dos homes e as mulleres só lideran o 37% das empresas musicais de España. Amais, só un 14% dirixen discográficas independentes e non hai ningunha ao fronte das grandes multinacionais.
Amais do proxecto de mentoring, o programa “Descúbreas” aporta outras ferramentas para a visibilización do talento feminino na industria, dispoñibles na súa páxina web, como o directorio de profesionais e escolas do que xa teñen xurdido algunhas oportunidades laborais para técnicas e artistas ou os videotutoriais e o foro para resolver dúbidas e axudar ás mozas a dar os seus primeiros pasos no seu proxecto musical.
A plataforma ofrece tamén información e axenda de concertos con perspectiva de xénero.