Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2021 por importe de 2,2 millóns de euros (2.253.705€) que beneficiarán a doce concellos da provincia: Agolada, Baiona, Bueu, Cangas, Forcarei, Ponte Caldelas, O Porriño, Salceda, Tomiño, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilagarcía.
“Recursos á disposición dos concellos para que a xente poida vivir alí onde decida porque ten os mellores servizos e os mellores dereitos”, destacou a presidenta Carmela Silva. A maioría destas actuacións están destinadas á mellora da mobilidade e seguridade viaria, coa pavimentación de camiños e rúas, así como á mellora de servizos como o saneamento.
A achega de maior contía nesta nova relación é para Vilagarcía. Son 600.715€ para a renovación dos servizos e humanización da rúa Sobrán, unha actuación moi reclamada pola veciñanza, que consistirá na humanización do viario, coa creación dunha plataforma única con prioridade para os peóns/as sobre a circulación de vehículos, na renovación das redes de servizos municipais e tamén inclúe o soterrado das redes de servizos de baixa tensión, alumeado e telecomunicacións.
“A achega de maior contía nesta nova relación é para Vilagarcía. Son 600.715€ para a renovación dos servizos e humanización da rúa Sobrán, unha actuación moi reclamada pola veciñanza”
Na comarca do Deza-Tabeirós concedéronse achegas a Vila de Cruces, cun total de 471.313 € destinados a financiar a mellora da capa de rodaxe de varios camiños: o que vai de Eirexe á EP-6405, o que vai de Vila de Cruces a Fornelos e tamén un camiño en Amosa e dous en Cumeiro, que se atopan en mal estado de conservación.
Para Agolada, 77.557 euros para costear a mellora de camiños de titularidade municipal con firme de formigón nos lugares de Basadroa e Ramil. Son camiños que se atopan desgastados e precisan de traballos de mellora (ancheo e reforzo firme) e mantemento, tanto do firme como das marxes.
A institución provincial aprobou tamén outra achega de 118.979 euros para Forcarei, destinada ás obras de urbanización de rúas no núcleo de Outeiro. Os traballos consistirán na habilitación dun novo pavimento de formigón, combinado con outro de pedra rústica nos encontros coas construcións existentes e elementos singulares. Tamén están previstas reposicións de canalizacións de auga e pluviais.
Na comarca do Morrazo, Bueu recibirá 115.247 euros para a mellora e rehabilitación do firme da rúa do alcalde Johan Carballeira (no tramo comprendido entre a PO-315 e a rúa de Montero Ríos, cuxo estado non é óptimo) e para regular mediante a instalación de semáforos a intersección da PO-315-rúa coa do alcalde Johan Carballeira.
Doutra banda, Cangas percibirá 86.616 euros para a nova capa de rodadura de viarios municipais 2021. En concreto, realizarase esta actuación para mellorar a seguridade e resolver problemas de acceso en 5 viarios, dous na parroquia de Coiro, dous en Darbo e un en Hío.
Na comarca de Pontevedra, aprobáronse achegas para Ponte Caldelas e Vilaboa. No primeiro caso, unha axuda de 144.972€ destinada á mellora da seguridade nos viarios do núcleo de Vilarchán, cunha intervención que consistirá na renovación da capa de rodaxe e sinalización viaria, así como actuacións puntuais para a mellora da funcionalidade e da seguridade viaria.
E Vilaboa recibirá dúas achegas, unha de 76.407 euros para a posta en valor do Camiño Interior de Santradán (Santo Adrán de Cobres) e outra de 83.256 euros para a mellora do camiño do Toural ao Picho (Vilaboa). No primeiro caso as obras da posta en valor do camiño inclúen traballos de pavimentación, drenaxe (cun novo sistema de recollida de augas) e iluminación (con luminarias Led).
No caso das obras do camiño do Toural ao Picho, consistirán na mellora do firme, instalación de elementos de calmado de tráfico e nova sinalización, amais de mellorar a drenaxe de pluviais.
Xa na comarca de Vigo, O Porriño recibirá, 135.023 euros para a execución de dous tramos de rede de saneamento para dotar de este servizo a varias vivendas no lugar de Portela de Souto. Baiona recibirá 88.060€ para as obras de mellora de pavimentación, canalización de pluviais, sobreanchos no camiño Casteliño.
As obras teñen por obxecto mellorar o acceso da veciñanza da zona, así como completar o saneamento existente para dar servizo ás vivendas existentes e futuras. E o Concello de Salceda, 90.483 euros para a mellora da pavimentación dun viario no lugar de Pedracarballa (Entenza). Ampliarase e mellorarase a pavimentación do viario principal e dun ramal, optimizando a rede de augas pluviais.
No Baixo Miño, Tomiño disporá de 165.071€ para financiar a senda peonil entre a rotonda da variante do Seixo coa PO-344 e a rotonda da Pedra. A actuación se enmarca na potenciación da mobilidade sustentable e dá continuidade á senda na recente variante de Tomiño.
Habilitarase unha senda pola marxe este da estrada con formigón con cor, cunha notable integración no ámbito urbano e dotando de espazos seguros para peóns ao viario existente.