Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de preto de 400.000 euros para levar a cabo actuacións en sete concellos da provincia.
En concreto, os fondos destinaranse ao Rosal e a Baiona, que reciben en total preto de 250.000 euros para executar obras como a reparación de camiños o a reconstrución de muros derrubados, e case 150.000 permitirán a Caldas de Reis, Ribadumia, Catoira, Dozón e Forcarei implantar novas instalacións solares fotovoltaicas en infraestruturas e edificios municipais. “Son 400.000 euros en total para estar ao carón dos concellos cando máis o precisan e para axudalos a subirse ao tren do futuro. Dixémolo desde un comezo, e agora empezamos a cumprilo”, asegurou en rolda de prensa o presidente da Deputación, Luis López.
Máis polo miúdo, O Rosal recibirá 139.488 euros para arranxar danos como roturas de pavimentos e en tubaxes de saneamento, caída de muros ou taludes nos camiños municipais de Couselo, Canas e Morraceira. Pola súa banda, o concello de Baiona benefíciase de 105.160 euros para dúas actuacións no camiño O Piñeiro, na parroquia de Baiona, e na senda fluvial río Baíña.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou o expediente para contratar as obras para que Caldas de Reis, Ribadumia, Catoira, Dozón e Forcarei poidan implantar novas instalacións solares fotovoltaicas en 11 infraestruturas e edificios municipais, en modalidade de autoconsumo. Este proxecto, ao que se destinan 147.445 euros, conta cunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía de España (IDAE) de 134.000 euros no marco da convocatoria de axudas DUS 5000 ao abeiro do Plan de Recuperación.
En concreto, preto de 53.000 destinarase á Casa Consistorial, Polideportivo e Piscina de Caldas de Reis; 45.000 € para instalar placas no Club Náutico, na Casa da Cultura e no Complexo Deportivo de Ribadumia; 20.000 para que o concello de Catoira mellore a eficiencia enerxética do Colexio Público e do Pavillón; 20.000 para a casa consistorial, o centro de saúde e o albergue de Dozón, e preto de 10.000 euros irán a parar a Forcarei para instalar placas na Casa Consistorial.
Melloras na EP-2106 en Nigrán
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra presidida por Luis López acaba de adxudicar por máis de 923.000 euros a obra de mellora da EP-2106 entre A Ramallosa e Parada, no Concello de Nigrán. A través desta actuación construirase unha senda peonil e dotarase de maior seguridade ao tramo final da estrada, no que se sitúa o cemiterio e a igrexa de Santiago de Parada.
O prazo de execución previsto para a mellora desta estrada provincial de máis de 4 quilómetros é de 8 meses. As obras terán lugar a partir do quilómetro 3,2, onde se concentran zonas moi transitadas por peóns, e realizaranse ata o tramo final da estrada. O obxectivo da actuación é impulsar a súa seguridade cunha senda peonil de 2,5 metros de ancho pola marxe dereita e unha plataforma única nun treito de 200 metros de lonxitude, instalando mobiliario urbano e unha marquesiña de autobús, e renovar as dotacións a través da execución dunha nova rede de pluviais, soterrando as liñas de electricidade e renovando o alumeado por un máis eficiente.
Operación Centinela 2023 da BRILAT
O deputado provincial Jorge Cubela estivo presente este venres na presentación e despregamento das tropas da Operación Centinela 2023, o programa de prevención de incendios forestais en Galicia froito da colaboración entre o Ministerio de Defensa, a través da Brigada “Galicia VII” – BRILAT, e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
No acto, no que participaron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o conselleiro de Medio Rural, José González, e o xeneral xefe da BRILAT, Alfonso Pardo Santayana, o capitán xefe da Área debullou as novidades da operación este ano, que se despregará a partir do vindeiro 15 de agosto.
“Río Minho, o corredor verde transfronteiriço”
O deputado provincial Roberto Carrero participou este venres na Fonte das Termas, en Melgaço, na sesión de apertura da conferencia “Río Minho, o corredor verde transfronteiriço”, que compartiu co primeiro secretario do Secretariado Executivo Intermunicipal da CIM Alto Minho, Bruno Caldas, e o vicepresidente da Cámara Municipal de Melgaço, José Adriano Lima.
O encontro estaba organizado pola Comunidade Intermunicipal de Alto Minho (CIM Alto Minho), en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a AECT Rio Minho e estivo centrado no río Miño e en proxectos europeos aplicados, na avaliación dos beneficios dos mesmos para a rexión transfronteiriza e nas perspectivas de futuro. Nos tres paneis celebrados durante a conferencia participaron poñentes expertos de diferentes instrucións de Portugal e de Galicia.