Pontevedra | A Deputación de Pontevedra aprobou este venres nunha sesión plenaria ordinaria unha modificación de crédito por un importe total de 4,3 millóns de euros que servirán para financiar un Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas pensado para mellorar ou crear novas instalacións nos concellos da provincia.
A sesión serviu tamén para oficializar o apoio da Deputación ás reclamacións dos rexedores que integran o pacto de Pedre para a mellora da seguridade viaria na estrada N-541 e o rexeitamento ao recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno central contra a Lei de Ordenación Integrada do Litoral aprobada polo Parlamento Galego.
O voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, foi o encargado de explicar a proposta para a aprobación inicial do expediente de modificación de créditos que saíu adiante cos votos favorables dos deputados do grupo popular. Unha proposta consistente na mobilización de 4 millóns de euros que se destinarán á financiación do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Unha iniciativa do goberno provincial para remodelar as instalacións existentes ou crear novas en concellos de toda a provincia.
Estes fondos proceden de baixas por anulacións de plans para investimentos en compostaxe ou mobilidade de exercicios anteriores que ascenden a 2,3 millóns. Os 1,7 millóns restantes proceden de maiores achegas a conta sobre as previstas no concepto de cesión do IRPF.
Do mesmo xeito, esta modificación de crédito servirá tamén para financiar a ampliación da rede de pluviais e renovación do pavimento na Travesía Estrada de Marín – Fonte Bieita e Camiño do Fondón en Moaña por 119.6000 euros. Unha cantidade procedente do concedido pola Deputación para a obra de rehabilitación do edificio vello do Concello que non se utilizou pola concesión dunha subvención do MITMA_PIREP. Unha situación similar ocorre en Ponteareas, onde o goberno local renuncia á humanización da Avenida Sarmiento Rivera para executar con eses fondos (189.100 euros) melloras no centro social, nas instalacións deportivas de Pardellas, na reconstrución da Ponte de Fontenla ou na construción dunha nova ludoteca.
O voceiro do goberno provincial, como alcalde de Cerdedo-Cotobade e membro desta unión de rexedores, asumiu tamén a defensa das peticións do Pacto de Pedre cunha proposta que obtivo o apoio dos grupos do Partido Popular e do BNG. A proposta consiste principalmente na adhesión da Deputación ás peticións que encabezan os sete concellos agrupados arredor deste Pacto para esixir a mellora integral da estrada nacional N-541. Ao mesmo tempo, o ente provincial solicitará aos grupos políticos do Parlamento de Galicia que apoien estas iniciativas, instará ao Goberno central a executar urxentemente a mellora desta estrada e, de xeito paralelo, pedirá á Xunta de Galicia que inicie os estudos para a creación dunha autovía que conecte os concellos de Pontevedra e O Carballiño, así como unha variante cara a Lalín.
Cara o Goberno central volvéronse dirixir as propostas do pleno coa aprobación dunha moción do grupo popular que defendeu a portavoz segunda do executivo pontevedrés, María Ramallo. Neste escrito aprobado tamén grazas ao apoio dos deputados do grupo popular e do Bloque, a Deputación amosa o seu rexeitamento ante o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno en funcións contra a Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral. Ao mesmo tempo, instan executivo de Pedro Sánchez a reconsiderar a súa decisión o ofrécenlle sentar a negociar coa comunidade autónoma de Galicia unha lei que se fundamenta nas lexítimas competencias exclusivas que a Galicia lle recoñece o seu Estatuto.
Outros asuntos aprobados nesta sesión foi o cambio de titularidade da estrada EP-2105 entre Panxón e Monteferro, que pasa de mans da Deputación ao Concello de Nigrán despois da execución dun proxecto de mellora viaria nun tramo próximo a un quilómetro desta vía. Do mesmo xeito, a Deputación cede ao Concello de Ponte Caldelas tres treitos das estradas EP-0407, entre Borela e Ponte Caldelas; un treito antigo da EP-0207, entre a Insua e Chaín; e outro treito antigo da EP-0206, entre Ponte-Caldelas, Parada e Xustáns. Un cambio de titularidade que se fai efectivo despois da mellora da seguridade viaria nestas estradas.
Finalmente aprobáronse outras medidas encamiñadas a facilitar as xestións administrativa de concellos como o de Sanxenxo e Barro. O primeiro delega na Deputación as facultades de recadación en vía executiva dos tributos e prezos públicos e demais ingresos de dereito público pertencentes ao Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo.
Mentres que no segundo caso, a Deputación asume as facultades, a petición do Concello de Barro, da fase instrutora e da colaboración na tramitación do procedemento sancionador en materia de tráfico e recadación das multas. Por outra banda, aprobouse a petición do Concello de Arbo para unirse ao convenio de colaboración en materia de xestión catastral entre a Secretaría de Estado de Facenda e a Deputación de Pontevedra.
A moción do grupo socialista para instar ao Goberno galego á posta en marcha dun plan de investimentos a partir dos ingresos do canon de abastecemento de augo non obtivo o apoio necesario.
800.000€ para o reto demográfico
A Deputación de Pontevedra continúa avanzando para modernizar os concellos da provincia e para facerlle fronte ao desafío do reto demográfico no medio rural cunha nova inxección económica de máis de 800.000 euros.
Nesta ocasión, como informou en conferenciade prensa o presidente provincial, Luis López, acaban de aprobarse os trámites para contratar a plataforma de videoactas e retransmisión de plenos e o portal de transparencia para concellos de menos de 20.000 habitantes, así como para a instalación de illas ecolóxicas e dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais nos concellos que forman parte do proxecto “Da túa man (rural)”. Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou as bases para seleccionar as persoas participantes e influencers que participarán no proxecto “Hub para a loita contra a fenda dixital e a sociedade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”. “A nosa vontade é situar os concellos como protagonistas. Estámolo facendo semana tras semana con feitos e con recursos”, asegurou o presidente da Deputación.
Ao abeiro do proxecto de transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes, do que se benefician un total de 50 municipios da provincia e que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros de fondos europeos, a Xunta de Goberno deu luz verde para contratar unha plataforma de videoactas e retransmisión de plenos para 36 concellos, cun orzamento base de 600.000 euros. Ademais, hai uns días aprobouse a contratación do deseño e posta en marcha dun portal de transparencia para que 26 concellos da provincia poidan dispoñer dunha ferramenta que permita incrementar a transparencia municipal e mellorar a satisfacción do contribuínte, cun orzamento de 55.000 euros.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para dúas actuacións do proxecto “Da túa man (rural)” para o apoio do comercio en zonas rurais, que conta cunha axuda de 500.000 euros dos fondos NextGeneration. En concreto, cun orzamento de 130.000 euros contrataranse as actuacións relativas á instalación de illas ecolóxicas con contedores de lixo en Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures. Ademais, instalaranse dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais para o fomento da economía circular e a sustentabilidade, neste caso en Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro, cun orzamento de 50.000 euros.
Hub para a loita contra a fenda dixital
O presidente da Deputación tamén informou dos avances no marco do proxecto “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”, que se está a desenvolver na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Ao abeiro deste programa vaise impartir unha formación dirixida a capacitar persoas maiores de 50 anos en competencias dixitais, para que poidan xerar contidos audiovisuais e facilitar as súas relacións coas administracións públicas e a alfabetización dixital. Por iso, a Xunta de Goberno aprobou as bases para a selección das e do participantes e influencers que formarán parte del.
Por unha banda, as e os alumnos, que se seleccionarán por concello ata un máximo de 50 por cada un, teñen que ser persoas nacidas con anterioridade ao 1973 ou maiores de 18 no caso de que acrediten algunha discapacidade, presten servizos de axuda a domicilio ou acrediten a condición de persoa coidadora con maiores ao cargo.
Pola outra, as e os influencers serán persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras persoas, que demostrarán en primeira persoas os beneficios do uso de ferramentas dixitais. Seleccionaranse un máximo de 5, e, nun prazo que se estima sexa entre febreiro e maio, desenvolveranse sete accións formativas de cinco horas en cada un dos concellos que versarán sobre a administración electrónica, o Sergas en liña, a banca móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos, entre outras.