Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a prórroga do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) da provincia.
En concreto, a Deputación aportará para o 2024 o 40% do orzamento total, que supón 1.088.000 euros, mentres que a Xunta aportará o 52,5% e os municipios o 7,4% restante.
Entre as principais novidades, tal e como explicou o presidente da Deputación Luis López, o convenio recolle o incremento do financiamento, xa que este ano cada un dos GES recibirá 40.000 euros máis que o pasado, pasando dos 280.000 € do 2023 aos 320.000 €. Ademais, crearase un subgrupo de emerxencias de seis membros no Grove. “Unha petición que o Concello levaba tempo facendo, que vimos de facer realidade”, explicou o presidente provincial, Luis López, e que contará cun financiamento anual de 160.000 euros. Ademais, este ano iguálase a financiación dos servizos municipais de Ponteareas e Sanxenxo ao dos GES, pasando cada un deles dos 155.000 aos 320.000 euros.
Os Grupos de Emerxencia Supramunicipais existentes na provincia de Pontevedra na actualidade son os da Estada, Lalín, Mos, A Guarda, a Mancomunidade Val Miñor, Ponteareas e Sanxenxo, aos que se une este ano o subgrupo do Grove.