Deputación de Pontevedra aproba o orzamento máis alto da súa historia

Con 189,2 millóns de euros dedicando tres euros a cada Concello da provincia

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres, nunha sesión plenaria extraordinaria, o Orzamento máis alto da súa historia. Un Orzamento que alcanza os 189,2 millóns de euros e que o goberno provincial define como “as contas do municipalismo” porque dedican un de cada tres euros ao apoio directo aos Concellos da provincia. Ademais, o documento aprobado recolle unha clara aposta por áreas estratéxicas para o executivo que encabeza Luis López como son o turismo, o deporte e a cultura, que incrementan notablemente as súas partidas en comparación co ano anterior.

Coa aprobación en pleno deste Orzamento, que obtivo os votos favorables dos deputados do Grupo Popular e rexeitamento dos deputados do PSOE e o BNG, o goberno provincial dá cumprimento ao seu compromiso de facer que as novas contas, as primeiras do mandato de López, entren en vigor o primeiro día do próximo ano. “Dixemos que este goberno ía ter en vigor o 1 de xaneiro os Orzamentos do ano 2024 e aquí estamos para debatelos e aprobalos a 10 de novembro, cumprindo a nosa palabra”, comezou o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, a presentación das contas.

Os 189,2 millóns de euros do Orzamento supoñen supón un incremento de 7,6 millóns máis que as contas do ano anterior, é dicir, unha suba dun 4,2 % comparado coa cifra do 2023. Un orzamento que reflicta “un municipalismo histórico, unha aposta clara polo turismo, o deporte e a cultura e moita sensibilidade co reto demográfico, a xuventude, a cooperación, o medio ambiente e a atención aos traballadores desta casa”, argumentou Cubela antes de debullar os detalles de cada unha das principais partidas.

O apoio aos concellos, centro da acción de goberno
A partida para Cooperación, dotada cun total de 66 millóns de euros, crece un 16 % con respecto ao exercicio anterior. Un incremento de 9,3 millóns de euros que serve para sufragar o maior plan de obras e servizos da historia da Deputación, o programa +Provincia.

Este plan, que dispón dunha contía de 48,2 millóns, está formado por catro liñas para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes en materia de investimentos, emprego, gasto corrente e, como novidade, elaboración de proxectos de futuro e transformadores. Esta área de Cooperación inclúe tamén os convenios particulares coas cidades de Vigo e Pontevedra, dotado cada un con 7,5 millóns de euros, ou o Plan Provincia Comunitaria que destina 2 millóns de euros ao tecido asociativo e reserva un millón de euros para o Plan +Aqua, para apoiar ás comunidades de usuarios de auga nunha mellor explotación dos recursos hídricos da provincia.

Aposta decidida polo Turismo, Deporte e Cultura
Outros eixos estratéxicos deste documento son o Turismo, o Deporte e a Cultura. Na primeira área, o Orzamento provincial recolle unha suba do 1,8 % ata situar a partida nun total de 5,6 millóns de euros. “A subida real é moito maior, superior ao millón de euros, porque rematan subvencións europeas, pero a Deputación mantén a aposta polo turismo con fondos propios”, explicou o voceiro.

En Deporte, o incremento é dun 19 %, e sitúa a partida nun total de 5,5 millóns de euros. Unha cifra que é aínda maior ao ter en conta o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas aprobado polo goberno cun importe total de 4 millóns de euros.

A Cultura é outro dos piares da acción do goberno de Luis López. O Orzamento dedicado a esta área é de 4,7 millóns de euros, o que supón un incremento don 20 % con respecto ao ano 2023. Neste eido, tamén se reforza o apoio ao Museo de Pontevedra, que manexará un orzamento de 10,3 millóns de euros, un 3,2 % máis que no último exercicio.

Detallou Jorge Cubela, que neste primeiro Orzamento de mandato o goberno crea un novo servizo destinado á Xuventude e ao Reto Demográfico que conta con 1,2 millóns de euros para apoiar o talento da mocidade da provincia e aplicar medidas que contribúan a fixar poboación nos concellos da provincia.

Respecto polo Medio Ambiente
O coidado do Medio Ambiente é outra das liñas ás que a Deputación destina unha gran cantidade de recurso para situarse en 4,9 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,4 %.

Do mesmo xeito, o goberno provincial incrementa o apoio aos centros dependentes da Deputación como son a Finca Mouriscade (+16,5 %), o Centro Príncipe Felipe (+4,4 %), a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (+15,8 %) e a Escola de Enfermería (+5,6 %). Así mesmo, o Orzamento recolle unha mellora das condicións laborais do persoal da Deputación cunha suba salarial do 3 % ou a creación de 26 novos postos de traballo.

“O goberno da Deputación de Pontevedra vaise caracterizar por recibir, atender e gobernar para toda a provincia”, concluíu o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela.
66 millóns € para cooperación e acción comunitaria.

Os orzamentos da Deputación de Pontevedra para o 2024 son as contas do municipalismo. Deste xeito, un terzo do orzamento total da institución provincial para o vindeiro ano destinarase directamente a modernizar os concellos e mellorar a atención á veciñanza, con 66 millóns de euros dirixidos á Cooperación e Acción Comunitaria que supoñen un 16,4% e 9,3M€ máis que este ano. “Estas contas son un reflexo claro das nosas prioridades. Non só nos declaramos municipalistas. A colaboración e o apoio non é unha frase bonita, é un feito que se reflicte nestas contas”, asegurou Luis López na presentación do orzamentos para o próximo ano.

+Provincia
Unha das grandes partidas do servizo de Cooperación e Acción Comunitaria será para o Plan +Provincia que no 2024 estará dotado con 48,2 millóns de euros, a cifra máis alta da historia destes plans de investimentos da Deputación para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. En liñas xerais, +Provincia medra un 9,5% con respecto a este ano, o que se traduce en 4,2 millóns de euros máis para o anteriormente coñecido como Plan Concellos que, ao longo dos seus oito anos de vixencia, soamente se incrementou en 4 millóns de euros (40 millóns no 2016, 44 millóns no 2023).

+Provincia contará con catro liñas de actuación. Así, xunto a investimentos, emprego e gasto corrente que xa contemplaba o Plan Concellos, haberá unha nova para que os concellos da provincia poidan redactar proxectos de futuro.

Pontevedra e Vigo
O apoio ás grandes cidades da provincia queda tamén garantido nos orzamentos da Deputación de Pontevedra para o 2024. Deste xeito, ambas cidades seguirán contando cun convenio específico para cada unha dotado con 7,5 millóns de euros. Unha cifra que poderá medrar a medida que se formulen proxectos de colaboración concretos.

Plan Provincia Comunitaria
A colaboración e proximidade coas demais administracións e co tecido asociativo da provincia caracterizará tamén a acción de goberno da Deputación no 2024. Para materializar este compromiso, o executivo provincial incluirá nos seus orzamentos o Plan Provincia Comunitaria dotado con máis de dous millóns de euros para apoiar o labor das asociacións dos concellos de Pontevedra. Haberá unha liña destinada ás comunidades regantes, o Plan+Aqua, que estará dotada con preto dun millón de euros para axudar nas tarefas de abastecemento e explotación responsable dos recursos hídricos da provincia.

Convenio coa Axencia Tributaria Galega
Outra das grandes novidades que afectan directamente aos concellos da provincia será o convenio coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA). O obxectivo deste convenio pioneiro non é outro que facilitar que os concellos poidan ingresar as débedas fiscais que ata agora eran imposibles de recadar.

O orzamento total da institución provincial para o 2024 será o máis alto da súa historia, con máis de 189 M€ para avanzar no municipalismo e na transformación da provincia. Aumenta, con respecto ao 2023 un 4,2%, o que supón máis de 7,6 millóns de euros respecto a 2023, unha suba de 30 millóns comparado co ano 2019 e de 35 millóns respecto ao 2016, anos de inicio de mandato do goberno anterior.

210.000€ para centro de acollida no Castelo de Soutomaior
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o expediente de contratación para establecer un servizo de xestión do centro de acollida e atención ao público no Castelo de Soutomaior. A instalación terá un orzamento de preto de 210.000 euros para o próximo 2024 (con posibilidade de prórroga durante outros tres anos) e contribuirá á dinamización turística desta fortaleza propiedade da Deputación. O presidente provincial, Luis López, sinalou que “queremos compartir que Pontevedra é desfrutar e, neste eido, o Castelo de Soutomaior é un dos elementos de atracción máis importantes da provincia”.

O novo servizo inclúe cuestións como o control do acceso e rexistro do número dos visitantes, a planificación, organización, promoción, acompañamento e explicación das visitas (tanto da musealización como dos xardíns), a promoción e difusión do coñecemento do Castelo como un dos principais recursos turísticos culturais do destino Rías Baixas, así como a promoción e difusión de recursos tanto do municipio de Soutomaior como de toda a provincia, a atención e información ao público tanto no interior do recinto coma no exterior se fose necesario, e tanto en persoa como por plataformas web, e o acollemento e colaboración, se fose necesario, na celebración de actos institucionais e actividades organizadas polo Castelo. O contrato tamén suporá que a empresa adxudicataria se encargue da posta en marcha e supervisión do funcionamento dos equipos e sistemas instalados no Castelo, o mantemento das instalacións, os gastos de administración e equipos de comunicacións, a elaboración de enquisas para elaborar perfís do público, coa elevación de datos estatísticos e presentación de resultados para integralos no Sistema de Enquisas de Turismo Rías Baixas, a venda e reserva de entradas, produtos, actividades e servizos que sirvan de apoio á visita e respondan a campañas impulsadas polo Castelo e, por último, a xestión do sitio web e das redes sociais do Castelo de Soutomaior.

O Castelo e os seus xardíns, de excelencia internacional en camelia, convertéronse nun dos recursos turísticos máis visitados da provincia de Pontevedra. Conta ademais con dous importantes distintivos de calidade como son o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) e o Q de Calidade, e contar con este novo servizo é fundamental para a súa futura renovación. De feito, as tarefas encamiñadas á renovación son tamén unha das cuestións incluídas no contrato. Para iso, a adxudicataria deberá contratar como mínimo cinco perfís, dous de técnicos de turismo e tres de informadores turísticos. Con estes recursos para o Castelo de Soutomaior e co Plan Estratéxico Provincial de Turismo que está a elaborar na actualidade o goberno provincial “imos consolidar a provincia de Pontevedra como o puntal turístico de Galicia e do noroeste peninsular. De feito –asegurou o presidente Luis López- os orzamentos contemplan para o 2024 unha suba real de 1,1 millóns de euros” para a área de Turismo.