Deputación de Pontevedra aproba o orzamento máis alto da súa historia

Son 209 millóns de euros para este 2025

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra deu luz verde de xeito definitivo este venres, nunha sesión plenaria ordinaria, á aprobación do orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2025. Trátase do Orzamento máis alto da historia da Deputación, que alcanza os 209 millóns de euros, un 10,5% e 20 millóns máis que o do presente ano 2024.

Un documento que afonda no municipalismo instaurado polo goberno que dirixe Luis López ao destinar aos concellos un terzo do orzamento e que reforza áreas estratéxicas como o turismo, o deporte, a cultura, a acción comunitaria ou as infraestruturas. Así mesmo, a sesión serviu para aprobar as bases da segunda edición do Plan +Provincia, o Plan de Obras e Servizos da Deputación, que volve tocar teito cun orzamento de 48,2M€, e que incorpora a posibilidade de realizar investimentos plurianuais como principal novidade. Ademais, o pleno aceptou á renuncia ao seu cargo de deputada de Isabel Couselo, que será a nova xefa territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na provincia de Pontevedra.

Neste mesmo pleno, tamén saíu adiante o proxecto para a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, no concello de Pazos de Borbén; a adhesión da Deputación á central de contratación da Fegamp e ao contrato centralizado para a prestación de servizos postais e a solicitude de compatibilidade no sector privado dun funcionario desta Administración.

No apartado de mocións, os votos favorables dos deputados do Partido Popular e do BNG, malia abstención do Grupo Socialista, serviron para aprobar unha solicitude ao Goberno de España para esixirlle compromiso coa construción da liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto para a súa entrada en funcionamento no ano 2030. Do mesmo xeito, aprobouse o apoio da Deputación ao Pacto pola Lingua grazas ao apoio do Grupo Popular, malia o rexeitamento do BNG e a abstención do PSOE. Pola contra, foron rexeitadas as propostas do PSOE para reprobar ao goberno da Deputación pola súa actitude antidemocrática e a instar á Xunta a acometer de xeito urxente a reforma integral dos centros educativos da provincia.

Co voto favorables dos deputados do Grupo Popular, a pesar da abstención do BNG e o voto en contra do PSOE, foi aprobado de xeito definitivo o Orzamento máis alto da historia da Deputación. Despois de dar conta do rexeitamento das alegacións presentadas ao documento e da rectificación do cadro de persoal e RPTs, o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, repasou os apartados máis destacados dun Orzamento que destina a maior parte dos seus recursos á área de Cooperación, que conta cunha partida de 71,4 M€, unha suba de 5,2Me con respecto ao 2024, o que supón un terzo do total destinado á colaboración cos concellos.

As contas da Deputación para o vindeiro ano inclúen tamén un aumento das partidas de áreas estratéxicas como o deporte, que medra case nun 15 %, ata os 6,4 millóns; os recursos para turismo crece tamén nun 8% ata acadar os 6M€; a partida para Cultura sube un 14 %, ata os 5,4M€; os fondos para Acción Comunitaria increméntanse nun 20 %, ata os 2,4 millóns de euros; e o Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais contará para o vindeiro ano cun total de 24 millóns de euros, unha suba de 8 millóns.

Nesta mesma sesión e por unanimidade aprobáronse as bases da segunda edición do plan de obras e servizos da Deputación, o +Provincia. Un programa de cooperación cos concellos dotado con 48,2 millóns de euros que se repartirán en catro liñas de actuación: A Liña 1 (33,74M€), para investimentos; a liña 2 (4M€), para actividades, gastos correntes e obras puntuais non cualificables como investimentos; a liña 3 (9,25M€), para activación do emprego; e a liña 4 (1,2M€), para a redacción de proxectos para a transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas. Como na primeira edición deste programa, as bases incorporan o factor do reto demográfico —envellecemento e perda de poboación— para un reparto máis xusto dos recursos entre os concellos.

A principal novidade do +Provincia 2025 está na inclusión por primeira vez da posibilidade de realizar investimentos plurianuais. Unha medida que ten como obxectivo dotar de maior flexibilidade e dar máis facilidades aos gobernos locais para que poñan en marcha proxectos estratéxicos. Poderán recorrer a investimentos plurianuais para obras que superen os 250.000 de anualidade media ou para adquisicións de bens inmobles

Renuncia da deputada Isabel Couselo
Fóra da orde do día, o pleno deu conta da renuncia, por petición propia, da deputada Isabel Couselo, responsable da área de Infraestruturas, Mobilidade e Contratación, que será nomeada como nova xefa territorial da Consellería de Cultura Lingua e Xuventude na provincia de Pontevedra. “Dela só podo ter palabras de consideración cara a súa enorme capacidade de xestión, de recoñecemento cara a súa capacidade de traballo e cara os logros que acadou en só 17 meses no goberno, nun área extremadamente complexa e de agradecemento tanto desde o punto de vista institucional, como presidente, como desde o punto de vista persoal.

A Xunta de Galicia incorpora a unha persoa extremadamente válida e pola nosa banda só podemos desexarlle sorte e acertos a Isabel na súa nova andaina profesional”, recoñeceu o presidente da Deputación, Luis López, antes do inicio do pleno. Durante a sesión, foi o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, así como os integrantes dos grupos do PSOE e do BNG, os que recoñeceron o gran traballo realizado pola xa exdeputada provincial e lle desexaron sorte para o futuro. “Déixanos a súa solvencia e compromiso cos concellos e ocupa xa unha páxina na historia desta casa”, concluíu jorge Cubela.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.