Pontevedra | Menos dun mes despois da aprobación definitiva do orzamento provincial e de que se abrise o prazo de presentación de solicitudes, a Deputación de Pontevedra vén de aprobar xa ata 3,7 millóns de euros do Plan Concellos en dotación de recursos aos municipios, baixo a premisa da máxima axilización na neste momento crítico da pandemia.
Deste xeito, a Xunta de Goberno aprobou hoxe as primeiras achegas para a financiación da contratación de 335 persoas traballadoras ao abeiro da Liña 3 de Emprego do Plan, para un total de 25 concellos.
A presidenta Carmela Silva remarcou que estas primeiras axudas do plan amosan a axilidade do mundo local á hora de xestionar recursos e neste senso, felicitou aos concellos pola celeridade en solicitar estas achegas que pon a súa disposición a institución provincial. “Son 335 traballadores para 25 concellos que nun momento tan complexo como o que estamos a vivir é algo fundamental –manifestou-. Porque as consecuencias da Covid son sanitarias e terribles, pero tamén son de carácter económico e social. E ter un proxecto que permita a contratación de emprego é fundamental neste momento”.
Estas achegas van permitir, como subliñou, “garantir dereitos e servizos como soamente este administración están sendo capaz de garantir en todos os concellos”. Neste senso, comparou a axilidade do mundo local fronte á Xunta de Galicia en cuestións como o pago de facturas ou o reparto de axudas. “Os datos está enriba da mesa e os pode cotexar calquera. As axudas chegan nun prazo moito menor se a xestionan os concellos que se as xestionan a administración autonómica. Particularmente se as xestiona a Xunta. Este é un bo exemplo diso”.
“Estas achegas van permitir (…) ‘garantir dereitos e servizos como soamente este administración están sendo capaz de garantir en todos os concellos”
A presidenta lembrou que o pasado 2020 a por estas datas tiñan solicitado estas axudas da Liña 3 de Emprego un total de 13 concellos, mentres que neste 2021 desde que se abriu o prazo de presentación de solicitudes o 11 de xaneiro foron xa 25, “e polo tanto en menos dun mes xa estamos aprobándoas”. “Hai alguén máis áxil que o mundo local para xestionar esas axudas? O demostran estes datos”, concluíu
Os concellos aos que van dirixidas as axudas aprobadas son Arbo, Oia, Pazos de Borbén, Baiona, Lalín, Moraña, Salvaterra, Vila de Cruces, As Neves, A Lama, Cuntis, Poio, Portas, Forcarei, Vilanova, O Rosal, Nigrán, Marín, Mondariz-Balneario, Crecente, Covelo, Vilaboa, Salceda, Fornelos e Redondela.
Nesta primeira relación figuran postos para facer fronte a servizos municipais esenciais, como limpeza, recollida de lixo, conserxería, peóns/as forestais, operarios/as da construción ou condutores/as, auxiliares administrativos/as, técnicos/as de turismo, técnicos/as de protección civil, postos de técnicos/as de mocidade, e tamén pídense entre outros perfís licenciados/as ou graduados/as en ADE, Económicas ou Dereito.
Carmela Silva engadiu que a duración dos contratos a deciden os concellos “porque, como sempre no Plan Concellos e como en toda a nosa actividade política en relación cos concellos, é respectar á súa liberdade”. “Os concellos son maiores de idade e ten que facerse real a autonomía municipal recollida na Constitución. Nós a defendemos non con palabrería, senón con feitos. O único requisito é que hai que respectar os salarios da cada unha das persoas respecto á súa cualificación profesional, a duración e condicións de xornada, é dicir, garantir dereitos das persoas que se contratan”.
Así mesmo, a Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou as primeiras achegas por preto de 120.000 euros dentro da Liña 2 do Plan Concellos, dirixidas ao pago de débedas, gastos correntes e actividades culturais. Nesta primeira relación recibirán axudas o concellos de Oia, Pazos de Borbén, Pontecesures, Vilagarcía (2) e Vilanova de Arousa. As achegas son para financiar gastos correntes dos servizos municipais de limpeza e iluminación e poda, e, no caso de Vilanova, para unha actividade prevista para o verán.
Axudas contratación de persoal para oficinas de turismo dos concellos
A Xunta de goberno tamén deu luz verde ás bases para que os concellos con oficinas de turismo adheridas á Rede Info Rías Baixas opten a subvencións da institución para contratar a persoal este ano 2021, ás que se destinan 200.000 euros. O obxectivo desta axudas, cuxa tramitación adianta este ano a Deputación, é garantir unha rede de oficinas turísticas profesionalizada, e dotada de persoal con capacitación “para poder seguir a traballar por un sector que é fundamental e que todos esperamos se poida recuperar canto antes”.
Estas axudas van chegar ás 24 oficinas adheridas: A Guarda, A Estrada, Sanxenxo, O Grove, Caldas, Cangas (con 2 oficinas), Moaña, Marín, Oia, As Neves, Cambados, A Illa, Meaño (2 oficinas), Silleda, Bueu, Ribadumia, Catoira, Baiona, Cuntis, Poio, Salvaterra, Ponteareas, Mondariz-Balneario e Nigrán. En breve incorporarase á rede tamén a de Redondela.
Os concellos poden optar a axudas por valor de 7.000 € para contratar a unha persoa informadora, mentres que no caso dos municipios declarados turísticos (A Guarda, Sanxenxo, O Grove, Cangas, Cambados, A Illa, Baiona, Poio e Mondariz-Balneario) teñen a súa disposición axudas de 14.000 € para contratar a dúas persoas informadoras.
Carmela Silva subliñou que “ningunha outra administración ten recursos para este tipo de proxectos” e lembrou que está agora mesmo en proceso de licitación o proxecto Tourist Inside que vai permitir modernizar as oficinas de turismo na provincia no eido da dixitalización. “É unha aposta moi relevante porque os concellos teñan a mellor rede de oficinas turísticas de toda Galicia”, remachou.