Pontevedra | “Pensemos desde a práctica, falemos desde acción e non desde o discurso. Por toda/os! Por unha vida libre de violencia!”. Con este chamamento a “sororizarse de verdade no feminismo” e por non quedar “nas intencións e nas palabras”, a doutora en Socioloxía, profesora universitaria e investigadora social especializada en violencia de xénero, Silvia Pérez Freire, leu o manifesto con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as mulleres co que arrancou o pleno da Deputación.
A doutora tamén falou da importancia de definir e delimitar os conceptos para comprendelos, destacando que o feito de instaurar a medición da violencia de xénero, “moi cuestionado” ao principio, permitiu “tomar conciencia” da súa “magnitude”. Recordou ás mulleres asasinadas dende que hai rexistros, a todas as que “sofren en vida as consecuencias desa violencia” e apelou a rachar coa invisibilidade que padecen as mulleres na sociedade.
A súa intervención, aplaudida por toda a corporación, rematou coa entrega dunha escultura de camelia por parte da presidenta, “unha camelia branca, recordou Carmela Silva, que eran as que levaban as sufraxistas para recoñecerse cando esixían o sufraxio universal, un agarimo para unha muller exemplar, unha desas mulleres imprescindibles”.
Unanimidade para o II Plan de Igualdade
Precisamente, o pleno deu luz verde ao II Plan de Igualdade da Deputación que revalida así o seu liderado nas medidas de igualdade de oportunidades das institucións provinciais galegas.
O documento foi aprobado por unanimidade no pleno, despois dos resultados obtidos polo I Plan que confirma a integración da igualdade como práctica real na organización da institución, de feito cumpríronse ata 82 das 84 accións deseñadas, un 98% do mesmo, polo que se ten convertido nun exemplo a seguir. “Seguimos dando pasos adiante para construír unha cidadanía máis igualitaria, máis xusta, máis democrática, e máis decente”, dixo a deputada de igualdade, Victoria Alonso.
O II Plan contempla ata 63 accións e medidas encadradas en oito eixes de actuación, que abarca a todo o persoal da Deputación e que establece o acceso ao emprego público e desenvolvemento da carreira profesional; facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, sen menoscabo da promoción profesional; fomentar a formación en igualdade, tanto no acceso ao emprego públicos como ao longo da carreira profesional; establecer medidas efectivas para eliminar calquera discriminación retributiva, directa ou indirecta, por razón de sexo; promover a presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos de selección e valoración; establecer medidas efectivas de protección fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo; comunicación, linguaxe e cultura organizativa, e transversalidade.
Tamén se incorporan medidas específicas para facer efectivo o dereito a igualdade de trato e non discriminación entre mulleres e homes en materia retributiva. Para elo establecéronse os mecanismos para identificar as fendas retributivas inxustificadas ou discriminatorias.
Ademais, avanzase no cumprimento da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, é dicir, conseguir a igualdade de remuneración por traballo de igual valor.
Inclúense tamén medidas concretas para medir o impacto de xénero da aplicación do recentemente aprobado regulamento do teletraballo, incorporando indicadores cuantitativos e cualitativos.
Plan Concellos 22-23
O pleno aprobou por outra banda as bases do Plan Concellos 22-23 que ten como principal novidade que se trata dun plan bianual que ascende a 73,5 millóns de euros. Así os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán dispoñer xa o próximo ano dos 43 millóns, cos que estaba dotado, máis os 22 millóns da Liña 1 do Plan de 2023 co obxectivo de dotar de maior liquidez aos municipios para enfrontar a recuperación. Trátase dun investimento histórico para garantir dereitos e servicios na provincia e a maior inxección económica nos concellos, “un plan para todos, de equidade e un plan de respecto á autonomía local”, subliñou o deputado Carlos Font.
Amais, o pleno deu tamén o visto bo á ampliación dos prazos de execución e xustificación do Plan Concellos 2020 por 6 meses, ata xullo de 2021, tras a petición de ata 33 concellos da provincia. O excepcional escenario pandémico, os graves problemas de subministración de materiais que está a padecer Europa e o aumento dos prezos das materia primas a nivel mundial, están a supoñer unha extraordinaria dificultade para que os concellos poidan executar os investimento do Plan 2020 en tempo e forma, polo que a corporación aprobou esta ampliación de prazo por unanimidade.
Arranca o Plan ReacPon
Na sesión tamén se aprobou coa unanimidade da corporación a modificación de crédito e a concertación do préstamo de 25 millóns de euros para financiar o Plan ReacPon, o plan de transformación máis ambicioso da historia da Deputación, para garantir servizos e dar equipamentos á xente viva onde viva, xerar actividade económica e crear emprego.
Con esta ampliación de crédito, os proxectos dos 47 concellos que chegaron á puntuación esixida poderán ser financiados cun orzamento total de 26,3 millóns de euros. Serán 25 actuacións de mobilidade segura, construiranse 3 bibliotecas; realizaranse 5 obras de reforma de Casas Consistoriais; 5 obras de remodelación de espazos culturais, unha potente actuación nun cemiterio e 8 de infraestruturas deportivas.
Finalmente deuse conta á corporación do período medio de pago do mes de outubro que cun índice de 6,9 días confirma á Deputación como unha das institucións que antes pagan as súas facturas, volvendo a cumprir moi por riba do legalmente establecido. Os datos volven a reflectir unha xestión eficaz e eficiente para que os provedores/as cobren efectivamente polos seus servizos no menor tempo posible para afrontar á dificultosa situación actual.
No pleno tomou hoxe posesión Ángel Rodal como novo deputado do PP, que substitúe a Carmen Amoedo, e que tivo a benvida da presidenta Carmela Silva que lle desexou “que nesta etapa como deputado provincial síntase a gusto; recibímolo con cariño e respecto, co que hai que recibir sempre a un representante político”.
“A política, dixo Carmela Silva, é o instrumento que ten a sociedade para lograr dereitos e garantir servicios e as persoas que durante unha etapa da nosa vida nos dedicamos á política teñen que ter o recoñecemento do conxunto da sociedade porque son os garantes das democracias”. O propio voceiro do grupo popular, Jorge Cubela quixo poñer en valor as palabras da presidenta provincial e trasladou os parabéns ao novo deputado.