Pontevedra | Grazas a unha orixinal “viaxe no tempo”, a xeración da “Revista Nós” que veu a luz no 1920 e a actual xeración da cultura galega, uníronse esta tarde no especialísimo encontro propiciado pola Deputación para celebrar o centenario da emblemática publicación cuxa creación se xestou en Pontevedra. Con “1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s”, a institución xuntou no escenario teatro, arte e conversa para poñer en valor o papel das mulleres daquela xeración, que marcou un punto de inflexión na historia cultural galega pero que non tivo o mesmo recoñecemento para as creadoras. De feito, só tres autoras: a lingüista alemá Margot Sponer, a profesora irlandesa Annie MacSwiney, e a poeta Francisca Herrera figuran na proxección da revista, cando foron moitas “e moi potentes” as mulleres que contribuíron con talento e activismo a aquela xeración.
O Salón de Plenos do tamén centenario Pazo Provincial transformouse nun Café Méndez Núñez do século XXI, nun acto que previamente arrancou coa visita teatralizada dos Quinquilláns, que cun “flashback” radical deron vida de novo a figuras clave da xeración Nós, como Vicente Risco (Josito Porto), Ramón Cabanillas (Lucho Penabade), Antón Losada (Víctor Mosqueira), Alfonso Castelao (Dane García) e Margot Sponer (Tero Rodríguez), que protagonizou o discurso reivindicativo na reclamación do recoñecemento para as mulleres da época. Os cinco mantiveron unha deliciosa conversa sobre o xerme da Revista Nós e as anécdotas da súa relación. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, exerceu de anfitrioa recibindo na escalinata do Pazo ás personalidades de “Nós”, caracterizadas cos traxes da época, que lembraron como tamén viviron a pandemia da gripe e desexaron saúde e forza á cidadanía.
Na súa intervención, a presidenta provincial tomou a testemuña das reivindicacións de Margot Sponer, e falou “da revolución cultural que actualmente ten nome de muller. Nos encanta que haxa homes, dixo, pero son moitísimas mulleres ocupando espazos, orgullosas e empoderadas”. Silva si lamentou que “aínda así, nas direccións e na alta representación as cousas non cambiaron demasiado”, e citou exemplos en todos os eidos: as Belas Artes, as direccións dos Museo, as editoriais, o xornalismo, o ámbito xudicial, á empresa etc… “Estamos un pouco fartas de ser as primeiras, queremos ser a metade de todo. Seguimos nesa loita”, lle dixo a Margot Sponer, lembrando como “ás mulleres cultas e formadas das Irmandades da Fala lles chamaban “As malvadas”. “Agora chámanos trepas e moitas cousas, dixo Carmela Silva, pero si iso é sinónimo de ocupar espazos e poñernos en pé, estamos encantadas”.
A presidenta provincial sinalou que actos como este serven “para darnos conta das moitas cousas que temos, da nosa historia e dunha lingua poderosísima coa que transmitir o pensamento dun pobo único que estando no noroeste quere ser universal”. Silva manifestou que “a historia cambia cando a cultura se sitúa no centro. Iso ocorreu en 1920, dixo, cando xente comprometida e con valores tiveron como obxectivo transformar e mellorar para que este pobo grandioso sentira o orgullo de todo aquelo que tiña construído. Fai dous mil anos, reflectiu, este lugar era o centro de dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, e desde aquela fomos construíndo país. Iso fixo a Xeracións Nós”. A presidenta da Deputación rematou sinalando que “ao lado deste mundo onde ruído ou o cretinismo parecen ocupar espazos, aquí está a ocorrer algo extraordinario, de novo hai un enorme pulo cultural en todos os eidos. Por iso, o que hoxe celebramos é a nosa memoria, memoria que temos que reivindicar cando o que necesitamos e xente formada que volva pular por un pais que merece a pena”. Carmela Silva engadiu que “nesta Deputación do Tempo vos reivindicamos a todas e a todos, pero particularmente a aquelas de 1920 e ás mulleres da nova revolución cultural que quere ser o pulo dun cambio para unha sociedade mellor, coa cultura no centro e coa política como instrumento que o permita. Celebremos, dixo, ás mulleres valentes que van a cambiar o mundo, por iso quixemos cambiar neste acto o nome da Revista por “Nosoutras”. Seguimos a beber do voso pensamento e coñecemento, pero agora ten voz feminina”.
A conversa da xeración do presente 2020 ocupou o Salón de Plenos, ao xeito dos faladoiros que facían fai cen anos no Café Méndez Núñez_, cun coloquio no que participaron, xunto a Silva, mulleres e homes das letras, arte, historia, xornalismo, audiovisual e a universidade de hoxe. A tradutora e feminista María Reimóndez; o ilustrador Kiko da Silva; o catedrático de Lingua Galega Afonso Vázquez; a periodista Susana Pedreira; a produtora audiovisual Chelo Loureiro e o historiador e crítico de arte Miguel Fernández Cid, conectaron ambos momentos históricos e compararon nas súas intervencións a revolución cultural que implicou a xeración Nós co papel que está a desenvolver hoxe a cultura en Galicia.
No coloquio, falouse “do cambio transcendental aínda que non suficiente” do protagonismo das mulleres na cultura, e abordáronse as similitudes da actual xeración da cultura galega coa de Nós ao tratarse de etapas de crise económica e ruptura e cambio. Tamén subliñaron o papel fundamental que está a ter a cultura neste momento crítico para a sociedade e amosaron o seu punto de vista sobre o tratamento que está a recibir o sector nesta pandemia, fronte a outras áreas como a economía ou a educación.
Amais, o debate xirou sobre a existencia dunha nova revolución cultural como a que se produciu en 1920, e puxo enriba da mesa as perspectivas do futuro que agarda ás novas xeracións culturais a raíz do actual contexto da Covid-19. Para concluír, as persoas relatoras reflexionaron sobre a vixencia do pensamento, acción e creación da Xeración Nós, de xeito especial nos actuais proxectos culturais de carácter internacional que seguen a ter presente a identidade da cultura galega coa terra e a lingua, tal e como era a premisa deste grupo de intelectuais.
O evento contou con dúas artistas de Belas Artes, Nuria Ferreiro e Lara Cores, que renderon homenaxe á Xeración Nós desde a arte contemporánea pintando obras en vivo e en directo.