Pontevedra | A Deputación de Pontevedra segue a axilizar ao máximo a dotación de recursos aos concellos para garantir dereitos e servizos, nun momento de especial necesidade pola pandemia. Deste xeito, a Xunta de Goberno vén de aprobar hoxe un novo investimento de 1,5 millóns de euros ao abeiro da Liña 3 do Plan Concellos que permitirá a nove municipios da provincia contratar a un total de 147 persoas traballadoras.
Con estas novas achegas, como explicou a presidenta Carmela Silva, e as xa concedidas a pasada semana, son xa 34 os concellos da provincia que teñen aprobadas axudas da Liña 3 para financiar os contratos de 482 persoas traballadoras, cun investimento total de 5,1 millóns de euros. Unha mostra, como subliñou, de “axilidade e eficacia para que os recursos cheguen aos concellos, sobre todo un momento tan complexo como este, no que o desemprego está a ser unha das graves consecuencias da Covid”.
As axudas da Liña 3 aprobadas hoxe benefician a Vilagarcía, Tomiño, A Illa, Soutomaior, Caldas, Meis, Mondariz, Rodeiro e Ponte Caldelas. Deste xeito, Vilagarcía poderá contratar a 38 persoas, cunha achega de 311.816,91€. Tamén na comarca do Salnés o concello da Illa de Arousa contratará a 10 persoas cun orzamento de 91.636€ e o de Meis, a 9 persoas traballadoras, cunha axuda de 109.968,48 €.
Na comarca de Pontevedra, Caldas recibirá unha achega de 201.254€ para a contratación de 11 persoas traballadoras, o mesmo número que poderá contratar Ponte Caldelas, que recibirá unha subvención de 128.212 €.
Doutra banda, Tomiño poderá financiar a contratación de 23 persoas traballadoras cunha achega 276.736,29€ e Mondariz, a 12 traballadoras e traballadores con unha subvención de 116.448,54€. No caso de Rodeiro, serán 15 as persoas contratadas, cun investimento de 116.617,26 € e, por último, en Soutomaior traballarán 18 persoas grazas á achega por importe de 126.474,30 €.
Doutra banda, tamén no marco do Plan Concellos, pero na liña de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou dúas achegas para Marín, por un orzamento total de 143.000 euros, que permitirán o financiamento da mellora e renovación do alumeado público no lugar de Castro e a construción dun columbario e oito panteóns no cemiterio da Raña.