Pontevedra | O servizo de Lingua da Deputación de Pontevedra vén de conceder cinco subvencións para apoiar o mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos da provincia por un total de 124.853,34 euros neste exercicio de 2023. O Concello de Ponteareas foi un dos que presentou a solicitude de axuda e recibiu o máximo permitido, unha contía de 25.000 euros, para facer fronte ao custe de persoal do departamento municipal, que xa está en funcionamento.
A maiores da solicitude do Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra recibiu tamén peticións de subvención para mantemento por parte dos concellos de Moaña, Valga, A Cañiza e O Porriño, todos eles municipios con SNL en activo (o de O Porriño con novo departamento dende 2020).
A principal novidade deste exercicio 2023 é o aumento das contías nun 75%, que pasaron dos 20.000 aos 35.000 euros para os municipios que impulsasen novas áreas de Lingua, e dos 16.000 aos 25.000 para as entidades que potenciaron os xa existentes.
Esta nova inxección de fondos provinciais para potenciar a lingua galega debeuse, segundo a deputada responsable da área de Lingua, María Ortega, á aposta para que as administracións locais consoliden o uso do galego como principal lingua de traballo e de comunicación coa veciñanza tendo un departamento consolidado ao efecto, así como para incrementar o uso e o prestixio da lingua en todos os ámbitos e sectores do termo municipal e non só no seo da propia Administración.
As funcións dos servizos de normalización lingüística que se acollen a esta convocatoria, tal como se recolle nas bases, son asesorar a Administración municipal na procura do incremento do uso e prestixio da lingua galega; velar polo cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución e por garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade; propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador.
Fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para a poboación en xeral ou para os diferentes sectores sociais; ou mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración, entre outras.
Ademais das axudas desta liña os concellos solicitantes poden optar tamén á liña de axudas da Deputación para o fomento de actividades ou programas de dinamización, algo incompatible no anterior mandato.
VI edición dos Roteiros literarios
Volven os Roteiros Literarios organizados pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para dar a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores galegos, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas que se ambientan en diversos espazos da súa xeografía. Nesta sexta edición serán 5 os roteiros, que se celebrarán durante as fins de semana do mes de xuño e que se espallarán polos concellos de Vigo, Moaña, Vilagarcía, Pontevedra e Lalín, guiados por María Xosé Porteiro, Anna R. Figueiredo, Xurxo Alonso, Adolfo Caamaño e Xoán Carlos García Porral.