Pontevedra | A Deputación de Pontevedra confirmou hoxe á Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP, a súa dispoñibilidade para acoller ata 35 persoas refuxiadas de Ucrania para axudar a resolver a crise humanitaria derivada da invasión do país por parte de Rusia, e pon a disposición a Residencia do Centro de Menores Príncipe Felipe con espazos para unidades familiares.
No comunicado remitido á FEGAMP, que iniciou a recompilación de información sobre a dispoñibilidade das distintas administracións para organizar o operativo de acollida, o goberno de Carmela Silva confirmou tamén que as persoas refuxiadas disporán de servizo de comedor, roupeiro e lavandería existente no centro residencial para garantir a cobertura das súas necesidades básicas, así como a existencia de servizo de enfermería, asistencia social e servizo de atención psicolóxica, así como dos equipamentos lúdicos e deportivos do Complexo.
A presidenta Carmela Silva sinalou hoxe que “é o momento de comprometerse porque ante o que está pasando non se pode mirar a outro lado. Temos que cooperar e as administracións debemos estar á altura”.
A presidenta provincial explicou que o ofrecemento da Deputación foi determinado tendo en conta os recursos existentes e tamén os condicionantes que aínda derivan da pandemia para poder garantir os protocolos de protección e prevención neste centro de menores de carácter social.