Pontevedra | Cunha xuntanza telemática na que participaron 40 concellos da provincia, a metade deles representados polos seus alcaldes ou alcaldesas, a Deputación informou dun novo paso para seguir a impulsar a captación de fondos europeos por parte do mundo local.
Desta volta, a Deputación lanza unha liña extraordinaria de subvencións, dotada con 201.000 euros, para facilitar aos concellos de menos de 50.000 habitantes a súa participación na convocatoria do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP local), lanzada hai uns días polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O deputado de Réxime Interior e Facenda, Carlos Font, e a deputada de Proxectos Europeos, Iria Lamas, acompañados dun grupo de persoal técnico da Deputación procedente de tódolos departamentos relacionados coa xestión dos fondos UE, deron conta desta nova convocatoria europea, que permitirá acometer proxectos de rehabilitación de ata 3 millóns de euros.
“Somos moi conscientes da complexidade que entrañan estas convocatorias, pero tamén do seu carácter estratéxico para a nosa provincia e por iso decidimos prestar o máximo apoio técnico e económico para garantir o éxito dos concellos que concorran”, afirmou Font. “De aí a decisión de crear unha liña específica para poder participar nesta convocatoria concreta, o que supón un esforzo importantísimo”.
Diante desta oportunidade para os pequenos e medianos concellos de acceder aos fondos europeos Next Generation, a Deputación habilitou crédito por importe destes 201.000 euros para darlles apoio económico tanto na elaboración da documentación técnica como na redacción dos proxectos necesarios para presentar as candidaturas. A achega provincial repartirase en dúas liñas específicas.
“A Deputación habilitou crédito por importe destes 201.000 euros para darlles apoio económico tanto na elaboración da documentación técnica como na redacción dos proxectos”
A primeira está dirixida aos concellos que obtiveron subvención provincial dentro do programa ReacPon para rehabilitación de inmobles municipais, que terán así unha oportunidade para incrementar as achegas doutras Administracións (dotada cun máximo de 5.000 euros por concello). A segunda liña subvencionará a redacción dos proxectos dos concellos que opten por outras actuacións no marco do PIREP local (dotada cun máximo de 3.000 euros).
Carlos Font anunciou que as bases destas axudas serán aprobadas na próxima Xunta de Goberno Provincial e que se publicarán no Boletín Oficial da Provincia o próximo luns 28 de marzo. O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días dende o seguinte á publicación. A Deputación anticipará nos próximos días, mesmo antes da publicación, o contido íntegro das bases destas axudas provinciais e estará a disposición dos concellos para resolver dúbidas e facilitar tódolos trámites.
A xuntanza celebrada hoxe vén sumarse ás realizadas durante o pasado mes de decembro para asesorar aos concellos na elaboración dos seus Plans de Medidas Antifraude, que son requisito obrigado para acceder aos fondos europeos, entre eles os do PIREP local, canalizados a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Ademais das sesións informativas, nas que practicaron a práctica totalidade dos concellos da provincia, a Deputación elaborou un documento guía que está a permitir a moitos municipios dispoñer do seu Plan Antifraude.
Durante a xuntanza Font animou aos alcaldes/as e representantes municipais interesados/as en concorrer ao PIREP local a comezar canto antes os trámites para a contratación das asistencias técnicas necesarias para presentar a documentación ou redactar os proxectos, dado que os prazos desta convocatoria do Ministerio de Transportes, na que se van repartir 600 millóns de euros, oscilan entre os 45 días e os 90 días.
A subvención europea desta convocatoria pode alcanzar o 100% para as obras de mellora da envolvente e eficiencia enerxética e ata o 85% nas destinadas á sostibilidade ambiental, mellora da accesibilidade, a habitabilidade ou a conservación dos edificios municipais. Os proxectos serán seleccionados polo Ministerio en réxime de competencia competitiva.