Pontevedra | A Deputación de Pontevedra decreta tres días de loito oficial polo incendio nun edificio en Vigo que causou catro vítimas mortais, unha muller e tres dos seus fillos menores de idade.
As bandeiras do Pazo provincial, do Edificio administrativo e da sede na cidade olívica ondean xa a media asta. O presidente provincial Luis López Diéguez traslada “as condolencias da corporación e o noso agarimo ás familias, aos seus seres queridos e a todas as persoas afectadas por este suceso”.
Por mor do loito oficial que vimos de decretar na Deputación de Pontevedra debido aos acontecementos sucedidos esta madrugada na cidade de Vigo queda anulada a axenda institucional. Ademais da axenda da vicepresidenta, da que xa demos conta a primera hora da mañá, cancélanse tamén os actos que tiña tanto o vicepresidente Rafa Domínguez (ás 20.00 horas: apertura do curso 2023-2024 do Conservatorio de Música Manuel Quiroga en Pontevedra) como a deputada María Ramallo (18:00 horas: acto de inauguración do Concello Vello de Moaña).
Proxecto da nova Grada de Sol de Balaídos
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, solicítalle ao Concello de Vigo o proxecto da nova Grada de Gol de Balaídos para materializar o compromiso do Goberno provincial coa remodelación do estadio.
Nunha nova carta remitida este martes ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o dirixente reitera o seu “compromiso inequívoco” coa reforma e celebra compartir co Goberno municipal vigués o desexo de rematala canto antes.
Na misiva, o máximo responsable da Deputación lamenta que a petición de fondos por parte da Administración municipal para a nova Grada de Gol e dunha reunión sobre os investimentos do ente provincial chegase sen a documentación e a información necesarias sobre o proxecto. O único documento que chegou ao Pazo provincial sobre a reforma da grada foi un resumo orzamentario de só un folio de extensión.
Neste sentido, Luis López explícalle ao rexedor vigués que, ao tratarse dunha iniciativa de tal envergadura, a Deputación precisa coñecer con todo detalle o proxecto completo para poder analizalo e avaliar co debido rigor o seu encaixe nos orzamentos provinciais de 2024.
Por esta razón, o presidente da Deputación queda á espera da recepción do mencionado proxecto da Grada de Gol para, unha vez estudado, fixar en datas vindeiras un encontro co alcalde Abel Caballero no que se concreten os termos de colaboración nesta e noutras iniciativas.