Pontevedra | A Deputación destinará preto de 200.000 € á campaña de promoción do destino turístico da provincia en 2022. A presidenta Carmela Silva anunciou hoxe que a campaña, que se desenvolverá en medios online, offline e redes sociais, centrarase especialmente no ámbito estatal pero tamén no internacional.
No estatal “fixaremos o noso posicionamento nos mercados prioritarios de Madrid, Cataluña, Andalucía e noroeste peninsular xa que os datos de big data indícannos que é onde temos maior capacidade para atraer visitantes”.
A análise big data será precisamente a base da campaña promocional, que “xa empregamos en 2021 para analizar a recuperación” e tamén “para ter claro os perfís de público aos que nos temos que dirixir”. “A Deputación terá moito en conta as novas tecnoloxías e a innovación para esta nova campaña, que daremos a coñecer a mediados de xaneiro en FITUR e que vai ser moi sorprendente”, avanzou a presidenta provincial.
En canto aos contidos, Carmela Silva sinalou que “manteremos os vinculados á marca Rías Baixas e potenciaremos moito o formato vídeo, que tivo unha excelente acollida e un impacto moi positivo nas campañas de desestacionalización”. En canto á promoción exterior, a Deputación realizará “accións de inserción en aeroportos con voos directos a Vigo e no transporte ferroviario, aproveitando as melloras das conexións que se van producir”.
Grazas ao emprego do big data en 2021 “conseguimos uns resultados espectaculares”, valorou a presidenta da Deputación: 23 millóns de impresións en medios online e 5,5 millóns de visualizacións completas dos vídeos da campaña. “Estivemos en cabeceiras como a revista Viajar ou Viajes National Geographic, nas redes sociais líderes, as televisións online Atresplayer e Mitele e en páxinas web dos grupos de comunicación Godó, Prisa, Vocento e Unidad Editorial”, ás que se sumaron as campañas en medios tradicionais.
Dous plans de sostibilidade turística con fondos europeos para apoiar o turismo rural
A Deputación “fixo un enorme esforzo por ter proxectos que poder presentar aos fondos Next Generation en canto se abrisen as ordes, e moi especialmente no sector turístico que é moi relevante para a nosa economía”. En consecuencia diso, acadamos 3,5 millóns de € para desenvolver dous plans de sostibilidade turística: Deza-Tabeirós e O Condado-A Paradanta, elaborados tras consultar os concellos, asociacións e empresas de cada zona.
Carmela Silva lembrou que “desde que chegamos á Deputación estamos dicindo que temos grandes destinos de costa pero que cómpre ampliar a oferta e centrarnos no ámbito rural. Facemos o que dicimos e por iso escollemos estas comarcas eminentemente rurais”. Polo tanto, asegurou, “redobramos de verdade a nosa aposta polo turismo de interior e, de feito, somos o único destino que presentou plans centrados exclusivamente na identidade rural. Os de costa xa presentaron os seus plans, sería inxusto seguir redundando no mesmo territorio”.
O Plan de Sostibilidade Turística de Deza-Tabeirós, “moi ambicioso e que toca todos os eixos do presente e do futuro”, supón unha inxección superior aos 2 millóns de euros. Está baseado nunha estratexia cun triplo carácter transformador: dixital, económica e social e sostible. Executaranse 14 actuacións entre os anos 2022 e 2024 organizadas en 4 eixos programáticos.
No de transición verde contémplanse 3 actuacións: “Ecoruta Galicia por dentro”, áreas de descanso para peregrinos e peregrinas e a posta en valor do recurso ecosistémico da Rapa das Bestas. No eixo de eficiencia enerxética, realizaranse intervencións de mellora peonil da Vía da Prata, instalaranse puntos de recarga de vehículos eléctricos e tamén se desenvolverá o proxecto “Peribici” de mobilidade sostible nos Camiños.
No eixo de transición dixital, o Plan de Sostibilidade Turística abarca a sinalización turística intelixente e Smartguide dos recursos vinculados aos Camiños, o proxecto “Museografía dixital dos mosteiros de Carboeiro e Aciveiro e experiencia dixital Rapa das Bestas”, “Comunicación dixital nos camiños da Geira e dos Arrieiros e Miñoto Ribeiro”, un plan de márketing dixital, central de reservas e promoción do destino e, por último, formación sectorial.
No cuarto eixo, competitividade, actuarase na singularización dos Camiños e impulso ao seu recoñecemento oficial, crearase unha mesa de sostibilidade turística e un Pacto Local, e apoiaranse o ente xestor a través de coordinación, avaliación e seguimento.
O Plan de Sostibilidade Turística Destino O Condado-A Paradanta ”quere referenciar este territorio como un destino sostible, no que o río Tea e os espazos naturais representan unha oportunidade en torno a roteiros, turismo activo, turismo científico e a enogastronomía, xa que é unha subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas”. Suporá unha inxección europea de 1,5 millóns de euros financiados polo Goberno de España (50%), Xunta de Galicia (30%) e a parte relativa ás administracións locais (20%) será asumida pola Deputación, no noso compromiso cos concellos máis pequenos.
O Plan ten 12 actuacións: un Plan Director da contorna do Castelo de Sobroso, traballos de renaturalización nas ribeiras dos ríos Deva, Tea, Oitavén e Miño; un plan de iluminación eficiente do patrimonio protexido de carácter turístico, a redacción dun Plan integral de mobilidade do destino para o conxunto de 9 municipios, un produto de realidade virtual da festa do Corpus de Ponteareas fomentando un produto desestacionalizado, a creación do primeiro museo ao aire libre da Festa do Corpus, ferramentas dixitais para a interpretación de castros e pesqueiras, a recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico e melloras para o Centro Intepretación do río Tea, un plan de márketing e creación de marca para o xeodestino Condado-Paradanta, a configuración e desenvolvemento de novos produtos turísticos sostibles como un Centro de BTT para impulsar o turismo activo, un club de produto da lamprea e o apoio a un ente xestor.
O Castelo de Soutomaior, primeiro espazo musealizado de Galicia coa Q de Calidade
Carmela Silva anunciou que “o Castelo de Soutomaior acaba de obter a certificación da marca Q de Calidade: é o primeiro espazo musealizado de Galicia que obtén este distintivo”. Este fito “fainos moi orgullosas e orgullosos xa que obtemos a máxima nota, un 10, moi vinculado á planificación da actividade no Castelo”. O presidente do Instituto para a Calidade Turística Española, Miguel Mirones, puxo de relevancia o esforzo da Deputación e na auditoría avaliáronse aspectos como a atención ao público, a información ou a limpeza.
2021 está a dar moitas alegrías ao Castelo, xa que “en 2021 visitárono 30.270 persoas: o récord de toda a historia e mesmo superando a cifra de 2019 en 2100 persoas”. O dato só inclúe a xente que pasa polo despacho de billetes e non as persoas que soamente visitan os xardíns (de entrada libre), que se contabilizan tamén en miles.
Este recoñecemento únese á inclusión do xardín do Castelo na Ruta Europea de Xardíns Históricos (itinerario europeo certificado polo Consello de Europa) e ao certificado ‘Xardín Histórico Observer’ que o acredita como destino de turismo científico. A Deputación xa obtivo a Q de Calidade para as súas tres oficinas de información turística (Palacete das Mendoza, Mosteiro da Armenteira e Aeroporto de Peinador), e outras 7 oficinas adheridas á rede ‘Info Rías Baixas’ contan con este distintivo.