Pontevedra | O Goberno da Deputación aprobou os proxectos de renovación de instalacións para uso térmico en infraestruturas municipais de Cangas, Portas, Red0ndela, Tomiño, Vilaboa e A Cañiza. Deste xeito, estes seis concellos poderán substituír o sistema que empregan na actualidade por caldeiras de biomasa. Isto permitirá reducir a demanda enerxética, o consumo e as emisións de residuos de carbono.
Este proxecto, “de gran relevancia para loitar as emerxencias climáticas e enerxéticas que estamos a vivir”, como explicou Carmela Silva, conta cun orzamento de 454.546 euros, dos que 387.900 están financiados polo Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía que aporta o 80%.
Tras a aprobación dos proxectos procederase a licitar a contratación da ou das empresas que se encargarán de substituír o sistema anterior por unha caldeira de biomasa, empregando así instalacións térmicas máis eficientes
En concreto, Cangas recibirá 105.347 euros para instalar caldeiras de biomasa na pista de atletismo e no pavillón; Portas 111.13 euros para o albergue , o campo de fútbol e o pavillón municipal: Redondela 105.291 euros para actuar no pavillón municipal e na casa da cultura; Tomiño 37.375 euros para o edificio de benestar social e policía; Vilaboa 37.172 euros para a casa do concello, e A Cañiza 58.244 para substituír os radiadores eléctricos de 15 edificios municipais – como centros culturais, tanatorios ou unha biblioteca- por estufas de pellets. Ademais, todas as instalación disporán de sistema de telexestión e adaptaranse as salas de máquinas existentes.