Deputación de Pontevedra e a USC visibilizan o papel das mulleres na Axenda 2030

No marco da Cátedra Iberoamericana

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Cátedra Iberoamericana, veñen de converter á Axenda 2030 e á administración pública en protagonistas dunha xornada “potentísima” da Escola de Igualdade María Vinyals que terá lugar os xoves 22 e 29 de abril.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada da deputada de Igualdade, Vicky Alonso, da directora da iniciativa María Xosé Rodríguez Galdo, e da directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, enxalzou a importancia destas sesións que se desenvolverán de forma mixta, presencial e on line, e “na que se achegará a mirada lila de mulleres moi recoñecidas para reivindicar o seu papel na xestión da Axenda 2030 dende as administracións públicas”.

A xornada “A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro”, que xa ten aberta a inscrición a través de www.depo.gal, pretende poñer no centro ás mulleres porque, tal e como subliñou a presidenta Carmela Silva, “é fundamental que esteamos dicindo como queremos que se implante e desenvolva a Axenda 2030 xa que todo o que formula ten moito que ver coa posición que ocupamos no mundo”. Ao respecto a presidenta recordou a relación das mulleres coa pobreza, “que ten nome de muller”; coa ciencia ou tecnoloxía, “onde as mulleres estamos aportando moitísimo e demandamos ter máis presenza ou visibilidade”; coa loita a favor da igualdade, “onde temos que esixir a perspectiva de xénero en cada proxecto”; ou coa sustentabilidade e loita contra o cambio climático, “na que as mulleres están a levar a bandeira para asegurar un planeta con vida de calidade”.

“A xornada ‘A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro’ (…)  pretende poñer no centro ás mulleres”

Tamén remarcou a presidenta o papel das mulleres nas institucións públicas, outro dos eixos temáticos da xornada. Neste eido, Carmela Silva asegurou que “somos maioría xestionando nas administracións públicas pero dirixindo non. Por iso queremos escoitar voces de mulleres que falen dende a administración, de todo o que aportan en canto á Axenda 2030”. “Precisamos ter reflexión –engadiu a presidenta-, coñecemento e seguir sumando no mundo voces de mulleres que teñen moito que aportar e que o fan dende a análise profunda e moi elaborada. Iso é feminismo, a filosofía máis potente xamais creada”.

Pola súa banda a directora da xornada, Mª Xosé Rodríguez Galdo, explicou que “a covid, e todo o que significa, nos está obrigando a repensar moitas cousas”, entre as que a catedrática salientou a importancia da sustentabilidade e a discriminación que sofren as mulleres. “De aí que teña todo o sentido o título da xornada, para poñer en valor o papel tan grande e importante das mulleres nas administracións públicas e na Axenda 2030”, asegurou. Ao respecto, a directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, quen tamén recordou o protagonismo da igualdade no marco da Axenda 2030 (ao ser un dos seus dezasete ODS), engadiu que “aínda que teoricamente debe existir a igualdade na administración non a hai e non se pode desperdiciar a metade do talento. Esta é unha razón de peso para organizar esta xornada”.

Programa
“A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro” comezará o xoves 22 de abril co acto de apertura e dúas mesas redondas que contarán con destacadas poñentes. Na primeira mesa “O papel das mulleres no liderado dos servizos socio-sanitarios” participarán a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, María África González, a CEO de Nanogap, Tatiana López, e a xefa de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro, Ana Concheiro. Na segunda mesa co título “O papel das mulleres en prol da investigación e educación pública de calidade”, participarán a primeira directora da Unidade “Mujeres y Ciencia” do Ministerio de Educación, Capitolina Díaz, a directora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo, e a presidenta de Estalmat, Elena Vázquez.

A segunda parte será o xoves 29 coa mesa “O liderado feminino na administración e o seu avance cara unha igualdade real”, na que a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, conversará coa primeira muller en ser nomeada Directora Financieira da OCDE, Ana José Varela, a presidenta da Asociación “Mujeres en el sector público”, Concepción Campos, e a titular da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, Margarita Parajó. A última mesa sobre “Cidades sostibles: un reto para o liderado feminino no mundo local na procura de institucións sólidas”, contará coa intervención da responsable da Área de Territorio de Vitoria Gasteiz, Ana Oregi, a xornalista especialista en comunicación e redes sociais na administración pública local, Amalia López, e a directora da ORAL da Deputación, Inmaculada Viña.

Na clausura de “A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro” será ás 13 horas e nela participarán, amais de Carmela Silva, María Xosé Rodríguez Galdo e María Cadaval, e a avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.