Pontevedra | A Deputación e a Universidade de Vigo colaboran na posta en marcha dun programa formativo para empresas sobre captación de fondos europeos no ano 2023. A través deste curso preténdese que as e os traballadoras/es das empresas da provincia amplíen os seus coñecementos sobre os mecanismos de financiamento europeo, afonden no campo dos proxectos europeos e participen nunha solicitude para algunha das convocatorias abertas da Comisión Europea.
Ademais, esta iniciativa, froito da colaboración entre as dúas entidades e para a que a Deputación destina un orzamento de 20.000 euros, pretende favorecer a formación especializada, a actualización de coñecementos, a proxección profesional e o crecemento socio-económico da provincia.
O curso, que se celebrará entre o 26 de setembro e o 23 de novembro, os martes e xoves en horario de 16.00 a 19.00 horas, terá unha duración de 75 horas, das que 50 serán de formación, 15 de traballo individual coas persoas participantes e 10 de asesoramento co profesorado do curso. A formación está destinada a un mínimo de 12 alumnos e alumnas e a un máximo de 50, e desenvolverase online a través do campus virtual remoto da Universidade de Vigo, se ben a sesión de apertura e o inicio do módulo práctico serán presenciais. A Universidade de Vigo expedirá un certificado acreditativo ás persoas que participen neste curso.
Entre os coñecementos que ofrecerá a acción formativa inclúese toda a información necesaria para solicitar un proxecto europeo de éxito coa participación de distintos axentes: universidades, centros de investigación e outros. Compartiranse “Historias de éxito” de compañías que conseguiran financiamento para as súas ideas e, ademais, o persoal das empresas participante no curso poderá preparar o seu “Perfil Europeo” para acceder a información actualizada sobre convocatorias e programas para comezar a participar en proxectos da Unión Europea.
Cátedra de feminismos 4.0
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo veñen de revalidar a súa alianza na Cátedra de Feminismos 4.0, que cumpre cinco anos e cuxo principal obxectivo é incrementar a presenza de mulleres nas áreas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), e evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital.
A través desta iniciativa, que xa é un referente estatal á hora de abordar os novos cambios no ámbito dixital desde a perspectiva crítica feminista, ambas entidades buscan acadar a promoción da igualdade e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. A institución provincial achega 65.000 euros á esta cátedra baixo a que se están a promover estudos feministas sobre a valoración da situación das mulleres e as STEM, a través da integración da análise de xénero no contido da investigación, do desenvolvemento e da innovación.
Entre as actuacións que se desenvolverán a través da cátedra figura como novidade o I Maratón de Creacións Dixitais Feministas, que prevé facilitar un espazo para elaborar produtos artísticos feministas dixitais con licenza Creative Commons. Trátase dun novo recurso para darlles resposta ás agresións contra as mulleres e aos machismos no espazo dixital mediante linguaxes artísticas. Amais, o acordo entre ambas institucións supón a convocatoria da quinta edición das axudas de investigación para o financiamento de iniciativas de investigación e innovación con perspectiva de xénero, así como a cuarta edición dos Premios GirlGeekPower, destinados a estimular, apoiar e promover os estudos STEM entre as alumnas da Universidade de Vigo de titulacións impartidas nos campus situados na provincia de Pontevedra.
Tamén está prevista a realización do V Seminario Sociedade Dixital e Xénero: Hackeando o Patriarcado, no que participan investigadoras expertas, nacionais e internacionais, no ámbito das STEM e do feminismo. Para favorecer a asistencia do alumnado da Universidade de Vigo, recoñeceranse créditos de libre elección. Igualmente, neste eido enmárcase a IV Reunión do Comité de Sabias, que actuará como o comité científico da quinta edición do seminario e da nova revista científica e tamén desenvolverá propostas con perspectiva de xénero e outras actividades para promover espazos de reflexión que converxan nun produto científico que se difundirá posteriormente.
Outra das iniciativas é o Observatorio virtual de machismo dixital Stop Machitroles, onde as persoas poderán denunciar agresións, acosos, vexacións e calquera outro comportamento de carácter misóxino, machista ou sexista. Ao finalizar o ano, realizarase o terceiro informe, no que se dará conta das incidencias recollidas neste observatorio.
A maiores, contempla a reestruturación e mantemento da web da Cátedra de Feminismos 4.0, aloxada nos dominios da Universidade de Vigo e da Deputación, con contidos sobre actividades da cátedra, publicacións de interese ou información relacionada, e xestión das redes sociais e comunicación, así como outras actividades fundamentalmente divulgativas da produción científica.