Pontevedra | “Hoxe é un día importante para Salvaterra. Grazas a estes recursos imos poñer en valor unha zona moi emblemática e vinculada á historia da vila” asegurou hoxe a alcaldesa de Salvaterra Marta Valcárcel na sinatura do convenio coa presidenta Carmela Silva para a humanización da rúa Marqués de Viana da vila.
Esta actuación, que apostará pola recuperación do espazo público para as persoas contribuíndo a unha economía descarbonizada e aos obxectivos da Axenda 2030, será posible a través dun investimento de 586.867,68 € dos cales a Deputación achega 498.000 e no marco do plan ReacPon.
A presidenta Carmela Silva puxo en valor unha actuación que vai permitir “recuperar espazo público nun lugar moi emblemático de Salvaterra de Miño, facer protagonistas ás persoas e construír unha vila máis amable, máis desexable, non soamente para a veciñanza senón tamén para as persoas que a visitan”.
Tamén felicitou ao concello por ter presentado o proxecto ao ReacPon xa que “tiña unhas bases moi esixentes e prazos moi axustados, o que demostra que o mundo local ten a capacidade de presentar ideas maduras, potentes, transformadoras con poucos recursos”. Aproveitou a ocasión a presidenta para remarcar que os concellos “teñen moitos proxectos especiais, extraordinarios, para os que precisan recursos tamén extraordinarios como o ReacPon”.
Neste eido puxo en valor a “eficiencia” do mundo local e instou ao resto de administracións a que “dispoñan recursos, porque se contamos con eles somos capaces de facer grandes transformacións”.
Pola súa banda a alcaldesa Marta Valcárcel, agradeceu á Deputación de Pontevedra os recursos que pon a disposición dos concellos a través do ReacPon. “É unha oportunidade para nós, xa que nos permite poñer en marcha proxectos ambiciosos de importe elevado”, asegurou ao tempo que manifestou que a sinatura do convenio converte a esta xornada “nun día moi importante para Salvaterra de Miño” xa que “grazas a estes recursos imos poder poñer en valor unha zona moi emblemática e vinculada á historia da vila, poñendo a contorna a disposición da nosa veciñanza e das persoas que nos visiten”.
O proxecto
Esta actuación suporá a transformación da rúa Marqués de Viana, entre a rotonda de acceso ao Castelo de dona Urraca e a praza de Abastos, na área enmarcada na zona de afección do castelo e da rede ferroviaria.
Consistirá na recuperación do espazo público para as persoas a través da creación dunha plataforma única, con calzada e beirarrúas de anchura continua que permitirá ampliar o espazo ata en dúas veces a superficie actual para as persoas.
Tamén se reducirá o ancho da calzada, entre a rotonda e a praza de Abastos, para reducir a velocidade dos coches e eliminar estacionamentos irregulares e en dobre fila, e eliminarase o pavimento actual substituíndoo por lousa de formigón, para priorizar o uso peonil.
Amais pavimentarase a zona do parque, para manter continuidade coa beirarrúa adxacente; eliminaranse as barreiras arquitectónicas para crear espazos accesibles, amplos e continuos; mellorarase a eficiencia enerxética e instalarase novo mobiliario urbano, así como nova rede de servizos e sinalizacións.