Pontevedra | Un “acto coral”, no que participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o delegado do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Javier Rey; o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), Felipe Criado, e os/as investigadores/as María Faro, Noemí Silva, César Parcero, Xosé Lois Armada e Elena Cabrejas, serviu para presentar o convenio, valorado en 400.650 euros e con vixencia ata 2024, para realizar novas intervencións en xacementos arqueolóxicos da provincia, analizar e estudar tanto as coleccións existentes como novos materiais, impulsar actividades de divulgación e, finalmente, apoiar aos concellos nun ámbito tan específico como a investigación, preservación e promoción do seu patrimonio arqueolóxico.
O convenio, que nace da experiencia acumulada durante o convenio piloto asinado en 2020, estreita a alianza científico-administrativa entre Deputación e CSIC. “Non é un convenio máis”, recalcou Carmela Silva, “senón un acordo para facer cousas grandes cos e coas mellores investigadores/as”. Un paso máis nunha provincia cunha riqueza arqueolóxica “que é a envexa de moitas outras rexións de Europa”.
A presidenta amosouse encantada de que “nesta casa, nesta Sala de Goberno da Deputación, con paredes de 1836, tan relacionadas coa arte, a cultura e a investigación” se siga avanzando por “preservar a nosa historia”. “O futuro ten moito que ver coa investigación e as Administracións públicas acertamos cando atraemos a intelixencia científica e o coñecemento que existe no noso entorno para tomar decisións”. “Hai que beber da intelixencia que hai na sociedade”, insistiu.
O convenio inclúe a convocatoria dun programa aberto, dirixido aos concellos, convocado con transparencia e concorrencia competitiva, para que poidan presentar proxectos para facer realidade intervencións arqueolóxicas non invasivas e coa última tecnoloxía dispoñible no seu territorio. Carmela Silva destacou que son actuacións que serían moi complexas para pequenos municipios que albergan tesouros patrimoniais baixo terra. En base a este programa, neste ano seleccionaranse 8 proxectos, outros 3 en 2023 e, finalmente, outros 3 en 2024.
O segundo aspecto será o estudo das coleccións existentes en museos, especialmente no Museo de Pontevedra, así como de materiais novos aínda sen catalogar ou os que podan achegarse nun futuro inmediato. Finalmente, prevense actividades de divulgación dirixidas á sociedade que incluirán unha exposicións sobre os resultados das 14 intervencións a realizar, unha exposición itinerante pola provincia, cinco charlas e obradoiros en centros educativos e outras tres en espazos municipais.
Paixón por investigar o pasado, por coidar o futuro
A presidenta da Deputación reivindicou a importancia da presencia na sede da Deputación dos seis investigadores/as máis relacionados con este ambicioso proxecto, así como a súa “paixón pola ciencia”. “Os territorios que coidan o que foron teñen futuro”, afirmou antes de reivindicar a aposta compartida da Deputación e o CSIC por poñer en valor os xacementos da provincia para construír xuntos “un modelo a partir da ciencia, a cultura e a historia, que máis que turístico é de atracción de visitantes”.
Javier Rey, delegado do CSIC en Galicia, cualificou o apoio da Deputación como “moi xeneroso” e atribuíuno á “implicación persoal da presidenta”- Felipe Criado, director do INCIPIT aplaudiu a determinación que este acordo demostra para “traer a intelixencia científica á toma de decisións”, así como a “enorme sensibilidade pola investigación, divulgación e xeración de apego social sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia”. No acto tomaron a palabra tódolas/os investigadoras/es presentes. Así Elena Cabrejas falou do reto da transferencia do coñecemento á sociedade e ao entorno empresarial; Luis Armada subliñou os resultados do anterior convenio piloto, que culminou con publicacións en revistas de primeiro nivel internacional e a elaboración dun plan director con propostas moi concretas; Noemí Silva, abordou a relación entre o patrimonio arqueolóxico e as turbeiras da provincia, verdadeiros “arquivos dos cambios do pasado”; César Parcero reivindicou o acerto de combinar sitios arqueolóxicos escollidos con criterios científicos coas “propostas nacidas da sociedade e vehiculadas polos concellos”.
Finalmente, María Faro, a máis nova das investigadoras expresou a súa ledicia por participar nun proxecto moi relacionado coas historias que leva anos escoitando sobre o castro de Torroso. Nas súas intervencións puxeron sobre a mesa os sorprendentes descubrimentos sobre Castrolandín (Cuntis) ou as expectativas que abren tecnoloxías como a fluorescencia de raios X, o LiDAR, o xeorradar ou o uso de drons.