Pontevedra | Os tesouros que esconden os xacementos arqueolóxicos son innumerables. En Galicia destacan as pezas de ouvería castrexa nas que Xosé-Lois Armada, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC en Santiago de Compostela, centraron este sábado 5 de xuño a derradeira das conferencias do ciclo de charlas divulgativas que se están a realizar na provincia a través do convenio entre a Deputación e o CSIC.
Baixo o título “O ouro dos castros” Armada presentou no Pazo de Liñares algunhas das últimas novidades da investigación da ourivería castrexa. A cita tivo lugar ás 18.00 horas.
A provincia de Pontevedra ten unha rica tradición ourive que se remonta á prehistoria e que deu lugar a unha xoiería de marcada personalidade. Tal é así que a ouvería dos nosos castros é unha das máis relevantes da Europa occidental, tanto polo número de pezas atopadas como pola súa calidade técnica.
“A provincia de Pontevedra ten unha rica tradición ourive que se remonta á prehistoria e que deu lugar a unha xoiería de marcada personalidade”
Entre elas os torques e as arracadas (os adornos de orella) son os obxectos máis frecuentes que se teñen atopado nos xacementos e constitúen auténticos emblemas identitarios.
A charla foi aberta a todas as persoas que queiran coñecer os avances que o CSIC ten realizado nos últimos anos no coñecemento destas pezas grazas á aplicación de diversas técnicas analíticas.
A través do convenio entre a Deputación e o CSIC leváronse a cabo dende o mes de marzo unha serie de conferencias que tiveron por obxectivo a investigación e a posta en valor como recurso turístico dos castros da provincia. En concreto, o IES Chano Piñeiro de Forcarei e o IES Pintor Colmeiro de Silleda acolleron sendas charlas destinadas ao seu alumnado, e en Cuntis tivo lugar unha conferencia aberta a toda a cidadanía.
Ademais, cómpre lembrar que o Museo de Pontevedra conta nos seus fondos con algúns dos conxuntos máis salientables da ourivería prehistórica e castrexa de Galicia: o Tesouro de Caldas, o de Foxados ou o coñecido como Tesouro Bedoya.