Pontevedra | Transformar os concellos da provincia e adaptar a súa administración aos tempos dixitais é o obxectivos dos novos proxectos que busca desenvolver a Deputación de Pontevedra grazas aos fondos Next GenerationEU.
En concreto, a ten á súa disposición algo máis de 2,5 millóns de euros para facer investimentos en concellos de menos de 20.000 habitantes ao abeiro das subvencións para a transformación dixital e modernización das Entidades Locais do Plan de Recuperación. Isto se traduce, segundo asegurou Carmela Silva, “nun proxecto moi potente co que poderemos seguir avanzando na transformación dixital, xa que temos implementados recursos como a Administración electrónica e con isto damos un paso máis”.
A Deputación presentou xa unha proposta que engloba proxectos para as cinco liñas estratéxicas contempladas na convocatoria, despois de realizar unha análise pormenorizada do tipo de proxectos e actuacións viables e de poñelo en común cos concellos, trala que lles pediu que trasladasen as súas necesidades e observacións. Finalmente, 47 dos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia mostraron o seu interese en todos ou nalgúns dos proxectos propostos, unha “maioría aplastante” que demostra o interese neste proxecto.
En concreto, na primeira das liñas estratéxicas “Unha administración orientada á e ao cidadán”, propúxose unha plataforma web/app de comunicación ca cidadanía e xestión de incidencias, que permitirá que os e as cidadáns poidan comunicar aos seus concellos calquera incidencia, sendo tamén unha canle bidireccional entre concellos e cidadanía.
O proxecto conta cun orzamento de 170.000 euros para 36 concellos e permitiralles, como explicou a presidenta da Deputación, ter “información directa e capacidade de actuación inmediata, pois será a propia cidadanía a que traslade aos concellos as incidencias, comentarios, peticións, etc.”. Ademais, na liña 1 porase en marcha un portal de transparencia, para que os concellos poidan cumprir coa Lei de Transparencia poñendo a disposición da cidadanía toda a información dos distintos indicadores establecidos na Lei cun orzamento de 55.000 euros para 22 concellos.
No caso da liña 2, “Operacións intelixentes”, a proposta é un sistema automático de xestión de órganos colexiados nos concellos, incluíndo subministro de equipo e software de emisión, gravación e almacenamento de reunións con autenticación dos vídeos, de tal forma que a cidadanía poida seguir en directo ou baixo demanda os plenos do seu concello e as Secretarías Municipais dispoñan dunha ferramenta para xerar de maneira automática as actas dos mesmos. Contará cun orzamento de 600.000 euros para 32 concellos.
Pola súa banda, na liña tres, “Goberno do dato”, cun orzamento de 100.000 euros para 47 concellos búscase dotar de instrumentos “a unha provincia para dinámica para cumprir coas follas de ruta máis importantes que se están a trasladar desde os organismos públicos”. Así, subministraranse indicadores para o seguimento dos obxectivos da axenda urbana española na provincia e dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Estratexia 2030, que se poderán visibilizar nun cadro de mando para poder trazar plans de mellora en cada concello.
Na liña de “Infraestruturas dixitais”, dotarase aos 47 concellos solicitantes de preto de 1.000 postos de traballo intelixentes de mobilidade para as e os empregados públicos. “Son ordenadores avanzados que van permitir ter ferramentas físicas para facer máis moderno todo o relacionado coa administración electrónica”, explicou a presidenta da Deputación. Ademais, dotarase ao CPD da Deputación do equipamento preciso para poder albergar as ferramentas que se poñan en marcha neste proxecto e almacenar a información que se xere.
Por último, á liña “Interoperabilidade de servizos básicos de administración dixital”, que é de obrigado cumprimento, presentouse un proxecto de Integración coa Carpeta Cidadá que, cun orzamento de 530.000 euros, permitirá á cidadanía acceder de maneira autenticada á consulta dos seus expedientes, o que, ademais de axilizar a información, permite ás e aos cidadáns “aforrar tempo e ter información de primeira man”.
Prórroga da administración electrónica
Na liña da dixitalización, a Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar unha prórroga do contrato coa empresa que xestiona o Servizo de Administración Electrónica para as entidades locais, que permitirá seguir a mellorar ao longo do 2023 esta prestación que a institución provincial ofrece na actualidade a 54 concellos da provincia, seis entidades locais menores e catro mancomunidades e na que no vindeiro ano investirá preto de 600.000 euros (578.0oo€).
A través do convenio que teñen asinado coa institución provincial, os concellos asumen o pagamento dunha contraprestación en función do seu número de habitantes. Deste xeito, o servizo finánciase cunha aportación do 75% da Deputación e o 25% os municipios.
“Puxemos en marcha o proxecto de administración electrónica no 2017, xa que ao chegar ao Goberno que, malia que era obrigatorio, non estaba implantada na administración provincial nin nos concellos”, explicou Carmela Silva, ao tempo que lembrou que “fomos unha das primeiras Administracións provinciais en facelo, e levamos xa unha inversión de máis de 3 millóns de euros”.
Precisamente, o bo facer da institución provincial veuse ratificado este ano co aval este ano do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, que sitúan á Deputación de Pontevedra “como líder de todo o Estado e de toda Galicia, respectivamente, en administración electrónica –explicou Carmela Silva-. Temos feito un gran traballo que agora seguimos mantendo”.
O servizo para os concellos inclúe, amais do mantemento da plataforma de tramitación electrónica, a sede electrónica personalizada e o portal de xestión de procedementos/expedientes electrónicos, tarefas de formación para as persoas traballadoras dos concellos. Así mesmo, ata o momento, formáronse preto de 3.000 persoas técnicas dos concellos e máis de 1.3000 cargos públicos municipais.
Un ano da Oficina de Fondos Europeos
Ante o panorama de grandes oportunidades que se abriu cos fondos NextGenerationEu e a presentación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a Deputación de Pontevedra decidiu poñer en marcha en decembro de 2021 unha Oficina de Fondos Europeos, a través da cal xestionar os proxectos propios e, amais, asesorar aos concellos da provincia co fin de que poidan aproveitar ao máximo as opcións que ofrece o mecanismo de recuperación económica da Unión Europea, así como outros programas de financiamento.
Neste ano de funcionamento da oficina provincial, a Deputación captou máis de 15,4 millóns de euros de fondos europeos para desenvolver 24 grandes proxectos, ten outros 26 presentados a diferentes convocatorias e 12 en vías de tramitación, elaboración e valoración.
Ademais de xestionar os proxectos propios, desde a oficina de Fondos Europeos tamén se asesora aos concellos da provincia a través de catro liñas de traballo: xestión e control dos proxectos que eles mesmos presentan a convocatorias do Plan de Recuperación, difusión das axudas dirixidas aos concellos e financiadas con fondos europeos, formación para técnicos e gobernantes e servizo de asistencia e apoio continuo aos concellos da provincia en cuestións relativas á preparación de solicitudes de axudas.
Ao abeiro do traballo realizado, no pasado setembro púxose en marcha un repositorio con material de axuda e apoio para as entidades locais que inclúe, entre outros documentos, os manuais de marca e procedementos do Plan de Recuperación, así como os nexos necesarios para a correcta xestión de fondos e proxectos; presentacións e materiais empregados nas diferentes formacións realizadas cos concellos e material de contratación, que inclúe exemplos dos modelos de pregos e contratos da Deputación.
Por outra banda, ven de publicarse o décimo boletín mensual no que se informa aos concellos da provincia das novas axudas financiadas con fondos europeos que son de interese para entidades locais. Ademais, o persoal da Oficina de Fondos Europeos desenvolve periodicamente formacións presenciais e telemáticas para explicar ao persoal dos concellos o proceso para presentar axudas, os plan de medidas antifraude ou os principios de xestión do Plan de Recuperación, entre outras cuestións.
A última das liñas de actuación con concellos é o servizo de asistencia e apoio continuo aos concellos da provincia en todo o relativo á preparación de solicitudes de axuda e xestión de proxectos. Como exemplo, o apoio que a Deputación prestou aos concellos a través dunha liña de axudas para asistencias técnicas para presentar proxectos ao Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para Entidades Locais (PIREP local), que axudou a que nove concellos da provincia conseguiran un total 4,2 millóns de euros de financiamento europeo.