Pontevedra | O municipalismo deu un paso adiante en Sevilla coa creación do Foro Local para a Axenda Urbana Española, órgano de colaboración no que participan 48 entidades da Administración local das que só 8 son deputacións. Carmela Silva foi a única presidenta dunha Deputación galega asistente, representando así ás deputacións xunto ás/aos presidentas/es de Barcelona, Badaxoz, Girona e Granada, entre outras.
A xuntanza foi dirixida polo presidente da FEMP, Abel Caballero, e a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez. O mundo local non só esixe co nacemento deste Foro un papel protagonista na xestión dos fondos Next Generation, senón tamén profundos cambios lexislativos en materia de financiación e capacidade para sacar os seus proxectos transformadores adiante.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou o apoio ao proxecto da nova Lei de Vivenda e aliñouse coas voces que reclaman unha reforma da Lei de Bases de Réxime Local para dar pé a un novo xeito de entender o municipalismo, dotado de competencias, pero tamén de recursos económicos para atendelos.
Silva secundou tamén as propostas para modificar a lexislación estatal sobre o Solo para evitar “o anacronismo” de que os Plans Xerais de Urbanismo queden anulados por meros defectos formais, como a falta dun informe ou a súa “insuficiente xustificación”, como ten sucedido “en demasiadas ocasións” nos últimos anos.
A presidenta da Deputación esixe que eses defectos, cando non sexan determinantes, poidan ser subsanados para que os concellos, que pasan por procesos de varios anos para aprobar os Plans de Urbanismo non teñan que comezar dende cero.
“Na provincia de Pontevedra temos exemplos dramáticos de plans anulados por criterios discrecionais e interpretativos e temos tamén decenas de concellos que non dan o paso de tramitar un Plan Xeral porque saben que é case “misión imposible”. Non nolo podemos permitir e menos nuns tempos como os actuais, que esixen planificar con intelixencia e con axilidade para xestionar as grandes transformacións que veñen nestes tempos tan excepcionais e que non poden agardar”.
O Foro Local para a Axenda Urbana Española abordou estas cuestións no marco do III Foro Global de Gobernos Locais, que se celebrou en Sevilla, dando así continuidade ao Foro da Axenda Urbana España, que o pasado martes inaugurou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e que tamén contou con participación da Deputación de Pontevedra.
“O Foro Local para a Axenda Urbana Española abordou estas cuestións no marco do III Foro Global de Gobernos Locais, que se celebrou en Sevilla”
Ao longo destas xornadas na capital andaluza falouse con insistencia do papel central que deben xogar os Gobernos locais nas grandes transformacións e na recuperación xusta. “Necesitamos novas formas de actuar e que os municipios participemos na toma de tódalas decisións”, insistiu Carmela Silva.
A presidenta, que reivindicou o espazo público como un dereito ao mesmo nivel que a Sanidade, a Educación ou a Igualdade, aproveitou tamén todas as súas intervencións para poñer en valor o principio de subsidiariedade, por enriba do concepto laxo de cogobernanza.
“Cada Administración debe facer o que sabe facer e as grandes transformacións da sociedade fanse dende o mundo local”. “Exercer o poder polo poder, non serve de nada; o poder só é útil cando se utiliza en mellorar a vida da xente e iso, en gran parte, faise dende os gobernos locais”, concluíu.