Pontevedra | Científicas, médicas, arquitectas, activistas medioambientais e sociais. De Hedy Lamarr a Greta Thunberg, pasando por Ada Byron ou Ángeles Alvariño. Mulleres de distintas procedencias, do pasado e tamén do presente. Son ata 40 as protagonistas do proxecto “Precursoras da Sustentabilidade e da Axenda 2030”, dirixido por Mari Lires e co que a Deputación de Pontevedra se suma á visibilización destas mulleres que co seu coñecemento e activismo contribuíron e contribúen á sostibilidade do planeta.
O Pazo Provincial foi hoxe o escenario da presentación deste proxecto que aborda cun libro e un videoxogo a información biográfica destas mulleres e que agora se divulgará entre a comunidade educativa para traballar nas aulas. Precisamente, foron máis dun cento de estudantes do IES Valle Inclán e o CEIP Vilaverde de Pontevedra os que hoxe puideron coñecer e familiarizarse con este videoxogo da man de Isi Cano e, de xeito telemático, doutra das artífices do proxecto, Marina Amores. Para a presidenta provincial, Carmela Silva, “este proxecto marabilloso é unha xoia polo contido que ofrece, porque nos fala destas precursoras e do coñecemento que aportaron e porque permite tomar posición para seguir defendendo este planeta”.
A presidenta provincial quixo destacar que nesta iniciativa, que ilustra tanto no libro como no xogo a todas as protagonistas como unha constelación de estrelas, están só 40 mulleres, “aínda que habería moitísimas máis, pero elas son as top, as crack da sustentabilidade”.
Reivindicou que “Precursoras” tenta recuperar a estas pioneiras do pasado e do presente que “non están nos libros de texto”, pero que “aportaron tanto coñecemento e protagonizaron e protagonizan iniciativas coas que tomar conciencia para reverter o dano que estivemos facendo durante tanto tempo ao planeta. Elas denunciaron acontecementos moito antes que científicos moi nomeados comezaran a traballar na recuperación do medio ambiente”. Lembrou neste senso a frase de Bárbara Kingsolver, “As mulleres sosteñen o peso dun ceo que cae” para citar que foron pioneiras nos coidados das persoas e do planeta.
Carmela Silva citou que moitas das protagonistas pagaron caro o seu activismo cos dereitos das mulleres e os pobos indíxenas, con atentados, coma Malala Yusafzai, ou incluso coa súa vida, coma Berta Cáceres. Outras co cárcere ou o exilio, coma Jimena Quirós, Ernestina Otero, Matilde Ucelay ou Olimpia Valencia. E noutros casos, o prezo da súa loita foi o descrédito, coma aconteceu con Jane Jacobs, Rachel Carson, Teresa Zapeta ou máis recentemente Greta Thunberg. Moitas outras foron silenciadas e ignoradas, coma Betty Snyder Holberton, Hedy Lamarr, Magda Staudinger.
Pero, como engadiu a presidenta, “foron valentes e fortes, convencidas do que había que facer e ningunha se rendeu, e co pasar do tempo recibiron recoñecementos, nalgúns casos a título póstumo, ou mesmo foron galardoadas co Nobel da Paz, coma Wangarĩ Muta Maathai, Rigoberta Menchú Tum ou Malala Yousafzai. “Todas elas –afirmou- merecen o recoñecemento social e teñen chegar a todos os eidos”. Citou expresamente ás mulleres galegas ou radicadas en Galicia, a mestra Ernestina Otero, a arquitecta Pascuala Campos , as científicas Aida Fernández Ríos e Ángeles Alvariño, a médica Olimpia Valencia; a feminista Rosa Arcos Caamaño e a mestra e inventora Ángela Ruiz Robles. A presidenta agradeceu ao equipo por levar este coñecemento aos centros educativos e tamén quixo enxalzar o compromiso dos e das alumnas e do profesorado con estes proxectos “que permiten “unha sociedade de persoas iguais. Iso, amais de ter un enorme valor non ten prezo”.
A directora do proxecto, Mari Lires, explicou os obxectivos cos que nace “Precursoras da Sustentabilidade e da Axenda 2030” incidindo en que é “preciso cambiar o actual modelo e realizar os cambios estruturais necesarios para poñer a vida e os coidados no centro”. Lembrou ao alumnado presente as desigualdades que seguen a sufrir as mulleres a pesar de “soster o peso dese ceo”, pero insistindo en que as 40 elixidas “foron as primeiras en responder ao cambio global antes de que a comunidade científica lles dese nome e iso mediante solucións creativas”. A este respecto detallou o traballo das protagonistas asociadas aos ODS relacionados coa súa actividade profesional e activismo e remarcou que “son mulleres resistentes, valentes, que deben figurar na historia e que non están”.
A presentación do videoxogo correu a cargo de Marina Amores e Isi Cano. Explicaron que a súa mecánica inspírase nos hidden games, é dicir, parte de obxectos escondidos en cada pantalla que hai que identificar e que neste caso están relacionados cos campos de traballo das protagonistas. Así, en cada unha das pantallas (tres por nivel), as crianzas deben ir descubrindo e pinchando os elementos propostos e, ao conseguir desbloquealos, chegan a cada un dos 8 ODS incluídos e ás mulleres asociadas e este.
Carmela e Jaime, do CEIP Mourente, e Alejandra e Augusto, do IES Valle Inclán, foron quen xunto a Isi Cano puideron estrear esta proposta lúdica que gamifica de xeito resumido a información das biografías, coas ilustracións da propia Cano. Como sinalou Amores, unha vez desbloqueados todos os niveis, “atópase a constelación de todas estas estrelas”. Ambas defenderon a necesidade de utilizar este sistema lúdico para o aprendizaxe e Cano tamén incidiu na brecha de xénero que ten sufrido e aínda persiste no campo da creación de videoxogos, agradecendo á Deputación o seu apoio: “é o primeiro videoxogo que teño publicado e acreditado co meu nome”.
Protagonistas e ODS
A publicación e o xogo asocian todas estas mulleres a 8 ODS, comezando polo número 5, Igualdade de Xénero, que é transversal a todos os seguintes: o de Saúde e Benestar (ODS3) aglutina a Carme Valls, Josephine Nambooze, Kamal Jayasing Ranadive, Katalin Karikó e Olimpia Valencia; o de Educación de Calidade (4) a Ernestina Otero, Irina Georgieva, Malala Yousafzai, Rigoberta Menchú e Tarcila Rivera. O número 9, Industria, Innovación e Infraestrutura reúne a Betty Snyder, Augusta Ada Byron, Ángela Ruíz, Hedwig Eva Maria Kiesler, Joy Adowaa e Teresa Zapeta; mentres que oODS 11, Cidades e Comunidades Sostibles está asociado a Inés Sánchez, Jane Jacobs, Pascuala Campos, Matilde Urcelay, Khensani de Klerk e Solange Mbanefo. Por outra banda, o ODS Acción polo Clima (13) reúne a Wangari Muta Maathai, Vandana Shiva, Eunice Newton, Greta Thunberg e Vanessa Nakate; o ODS 14, Vida Submarina, a Elisabeth Veronika Mann, Jimena Quirós, Ángeles Alvariño, Sylvia Earle, Aida Fernández e Barbara Veiga e por último, o número 15, Vida de Ecosistemas Terrestres, a Berta Isabel Cáceres, Rachel Louis Carson, Rosa Arcos, Ruth Nyambura, Sandra Myrna Díaz e Yayo Herrero.