Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde ao expediente para a contratación das obras de mellora da mobilidade peonil na intersección das EP-5202 e EP-5203, no barrio do ferrocarril do concello de Arbo.
Trátase do paso previo á licitación destes traballos, que teñen un orzamento de 663.200 euros e un prazo de execución estimado de doce meses, e cos que a institución dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza deste concello ao abeiro do seu modelo de mobilidade sostible e segura.
Será unha obra que vai revolucionar o barrio do ferrocarril en Arbo, unha das zonas do concello con maior identidade e supón o maior investimento da Deputación neste municipio ata o momento.
As obras serán financiadas a través dun convenio co Concello de Arbo, no que ambas as dúas institucións aportarán respectivamente o 70 e o 30% do orzamento, aínda que a contía municipal correspondente a este ano, de 99.480 euros, será sufragada tamén con cargo a unha achega do Plan Concellos 2021.
As obras levaranse a cabo nun tramo de case medio quilómetro situado entre a contorna da Capela de San Antonio e a estación de tren, adaptándose a unha contorna singular e aos elementos patrimoniais de valor ao longo do seu trazado, e comprenderán dúas zonas de actuación.
“As obras levaranse a cabo nun tramo de case medio quilómetro situado entre a contorna da Capela de San Antonio e a estación de tren, adaptándose a unha contorna singular e aos elementos patrimoniais de valor ao longo do seu trazado”
A primeira transcorrerá no entronque das dúas estradas provinciais, na contorna da capela de San Antonio, que se converterá nunha zona de prioridade peonil na que, ademais de outras actuacións, se instalarán pasos peonís elevados para reducir a velocidade dos vehículos (máximo de 20 quilómetros por hora). Así mesmo, disporá de beirarrúas cun mínimo de 2,5 metros de ancho para enlazar coa zona de convivencia.
Para a segunda zona se habilitará unha zona de convivencia (310 m), dende o entronque das estradas cara a estación de tren de Arbo, na que se levará a cabo unha senda cun ancho mínimo de 2,5 metros e plataforma única na zona de coexistencia de tráfico rodado e peonil, na que as persoas teñan preferencia.
Colocaranse tamén alcorques cada 25 metros delimitados por bandas de lousas de granito. As obras completaranse coa mellorara das redes de abastecemento, saneamento e alumeado, cunha aposta polo emprego de recursos sostibles ao instalar 24 novas luminarias LED e restaurar as 12 unidades xa existentes.