Pontevedra | A Deputación de Pontevedra inicia o seu proxecto “A importancia do traballo das mulleres mariscadoras en contornas da Rede Natura 2000” (DEPOMAR). Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
DEPOMAR busca aumentar a sensibilización medioambiental e fomentar a conciencia entre diferentes sectores e a cidadanía en xeral con respecto á importancia da protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos Rede Natura 2000 da provincia de Pontevedra onde se levan a cabo actividades pesqueiras sostibles, como o marisqueo a pé, e coa participación activa e directa da muller mariscadora, para contribuír a un modelo de desenvolvemento económico sostible e impulsar e aproveitar o patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras, reforzando, á súa vez, o liderado e empoderamento da muller profesional do mar.
DEPOMAR desenvolverá 5 accións diferentes gratuítas, 4 de sensibilización e 1 de publicidade e difusión do proxecto. A través das distintas accións de sensibilización (código boas prácticas, recurso audiovisual, campañas de concienciación e xornada técnica) e coa participación de mariscadoras, visibilizarase e porase en valor, por un lado, a importancia do traballo feminino en actividade pesqueira, as mariscadoras; a súa profesión como medio de vida digno e imprescindible socioeconómica e ambientalmente que contribúe ao desenvolvemento sostible.
Doutra banda, divulgarase sobre espazos protexidos Rede Natura 2000 de zonas litorais da provincia onde se desenvolven actividades tan importantes, tradicionais e selectivas como o marisqueo a pé e sensibilizar e concienciar sobre a importancia de conservar/protexer estes e de fomentar o aproveitamento sostible de costas-mares como motores económicos e provedores de recursos e servizos ambientais na Rede Natura 2000.
O marisqueo a pé é un oficio tradicional maioritariamente exercido por mulleres e importante xerador de riqueza. Segundo Pesca de Galicia, en Galicia hai 3.792 mariscadores a pé, deles 2.722 son mulleres (71.78%) sendo o 62.64% da provincia de Pontevedra. Ademais, as mariscadoras son axentes sociais activos cun importante labor non só para a actividade pesqueira senón tamén en materia de conservación de espazos naturais protexidos (ENP) onde faenan (extracción selectiva, coidado de praias etc.).
Cómpre destacar que as campañas de concienciación que se desenvolverán no marco de DEPOMAR complementan ao Proxecto LIFE IP-Intemares “Xestión integrada, innovadora e participativa da Rede Natura 2000 no medio mariño” (acción E2 – Campañas de sensibilización e educación ambiental).
Co obxectivo de difundir todas as accións e eventos que se realicen no marco de DEPOMAR, así como de manter ás persoas interesadas informadas da evolución e novidades do proxecto, informarase a través da rede social Twitter e divulgarase a información tamén na páxina web da Deputación de Pontevedra, onde se aloxará un espazo de información do proxecto, entre outros.