Pontevedra | A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos para afianzar o posicionamento do Castelo de Soutomaior como un dos grandes focos de atracción turística da provincia e Galicia. Neste caso, vén de aprobar a posta en marcha dun novo contrato para a reparación do muíño de auga do Castelo, datado na década dos oitenta do século pasado, para acondicionalo e conseguir volver a poñelo en funcionamento.
Máis polo miúdo, as obras contemplan a reparación, elaboración ou substitución de pezas, así como os tratamentos necesarios para o acondicionamento do muíño e a súa posta en marcha. Así, vaise reparar o rodicio, repoñendo tres aspas novas e colocando un eixo de forxa.
Tamén recuperarase a viga de apoio do rodicio que regula a altura e realizarase unha nova vara de regulación da moa en forxa ou aceiro inoxidable. Amais repoñeranse pezas necesarias do tarabelo en madeira nova con tratamento antixilófago e de cera de abella natural e, finalmente, realizaranse actuacións para separar o caudal do muíño.
O muíño, situado ao pe da pista de terra que da servizo á capela e que conduce ata a “cadeira da Marquesa”, estaba destinado ao aproveitamento hidráulico da auga. Coa reparación que vai acometer estes meses a Deputación de Pontevedra prevese solucionar os problemas orixinados polo paso do tempo para recuperar un elemento máis, propio da arquitectura popular galega, no castelo de Soutomaior.