Pontevedra | A estrada provincial EP-6003, que une as parroquias lalinenses de Soutolongo e Doade, vai ser obxecto dun arranxo integral pola Deputación de Pontevedra. As obras, valoradas inicialmente en 171.400 euros, xa están en proceso de licitación e as empresas interesadas teñen ata o próximo día 26 para presentar as súas ofertas.
A zona foi visitada hoxe polos deputados Gregorio Agís e Manuel González, que mantiveron un encontro co alcalde, Xosé Crespo. Os traballos consistirán nun saneo completo dos 2.262 metros do trazado e mesmo está previsto a demolición e fresado das partes que se atopan en peor estado a fin de garantir un correcto asentamento do novo pavimento, garantindo un rendemento duradeiro. A maiores está prevista a instalación de tubaxes de drenaxe nos tramos nos que sexa necesario. O prazo de execución é de catro meses.
No concello de Lalín hai un total de 10 estradas provinciais e, segundo o responsable de Infraestruturas, Gregorio Agís, a Deputación está plenamente comprometida ao seu mantemento, consciente da importancia deste tipo de estradas nun concello tan extenso e con moita dispersión poboacional. “A xente que vive no rural ten os mesmos dereitos a bos servizos e seguridade diaria que a que reside nas contornas urbanas”, destacou. Agís explicou que o asfalto da EP-6300 quedará en perfectas condicións e garantiu que será unha obra “que durará moito tempo porque se fará con criterios de calidade”. “E xa adianto”, concluíu, “que seguiremos traballando en Lalín para facer outras obras non só de pavimentación, senón tamén de mobilidade peonil”.
Pola súa banda, o alcalde, Xosé Crespo destacou que “nun día bonito” se visita esta estrada que comunica dous núcleos do rural lalinense. “Estamos convencidos de que investir nas estradas rurais, aínda que non teñan moito tráfico, axuda a fixar poboación e evita que a xente abandone as aldeas e se mude aos centros urbanos”. Crespo engadiu que Lalín conta con moitos kilómetros de viais provinciais cruzando os seus 324 quilómetros cadrados. “Esta é a que estaba en peor estado, pero agora vai dar un bo servizo ás parroquias de Doade e Soutolongo”. Finalmente, agradeceu a disposición da Deputación para afrontar actuacións pendentes.
A estrada de Soutolongo-Doade, cunha intensidade media de tráfico de 960 vehículos diarios, presenta na actualidade un pavimento desgastado polo que a necesidade da mellora foi apreciada dentro do plan de avaliación anual que a Deputación efectúa ao longo dos 1.700 Km da rede provincial de estradas. Ao determinarse que non era posible unha reparación parcial acordouse incluíla dentro do Acordo Marco de Firmes para a súa pavimentación integral.