Pontevedra | Os espazos patrimoniais dos castelos de Soutomaior e Sobroso e as marabillosas contornas naturais da provincia encheranse este verán de cultura coas novas actividades da Deputación dos programas “Tras as Ameas” e “Bailando a Terra”, enmarcados na programación “Con-Fiando Cultura”.
No primeiro caso, os Castelos volven a ser escenario de actuacións de todas as disciplinas artísticas, mentres que a danza en espazos naturais será a gran protagonista no caso de “Bailando a Terra”. A presidenta Carmela Silva destacou a ampla oferta que está a desenvolver a institución provincial “cunha programación “sorprendente e multidisciplinar para poñer en valor a nosa cultura en espazos extraordinarios do territorio”.
“Bailando a Terra” é unha das novidades deste 2022, un programa de danza con 5 propostas entre o 8 de xullo e o 23 de setembro a cargo de compañías profesionais e escolas que chegarán aos singulares espazos marítimos, bosques e paseos fluviais de Caldas, A Illa, Poio, Forcarei e Tui. Como explicou Carmela Silva, “nace para poñer en valor o noso patrimonio natural a través da danza, e achegará o baile ás nosas raíces e tradicións con actuacións en espazos singulares”.
Deste xeito, bosques, carballeiras, praias, cabos, espazos de patrimonio fluvial e marítimo, “contornas únicas que son a nosa tarxeta de presentación para coñecer e percorrer a nosa provincia, vanse converter nos escenarios desde os que este verán convidamos a bailar”. O programa busca amais aproveitar o paso das rutas xacobeas por estas contornas e, “deste xeito será un ciclo de danza ao vivo en perfecta simbiose coa natureza para bailar con ela, para sentila e facernos sentir en corpo e alma ese contacto directo co territorio”.
A Deputación desenvolve este programa en colaboración con compañías profesionais (Nova Galega de Danza e Trébede) e escolas de danza da provincia (Maisquedanza, Galicia en Danza e Unidance). A entrada será libre ata completar aforo.
A programación arrancará o 8 de xullo na carballeira de Caldas de Reis coa actuación de Trébede (20.30 horas), cun espectáculo que mestura o estilo tradicional coa música en directo, dirixido por Miguel Sotelo.
No mes de agosto, o día 5 “Bailando a Terra” chegará á Illa de Arousa, coa compañía Nova Galega de Danza, que ás 21 horas actuará no Edificio de usos naúticos para ofrecer o espectáculo “Leira no Camiño”, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, mentres que o día 6 o programa recalará en Poio, concretamente no xardín da Capela da Virxe da Renda.
Alí, a escola de Baiona Galicia en Danza ofrecerá o espectáculo “As 4 estacións”, con danza contemporánea, ballet, jazz, acro e danza tradicional, ás 20.30 horas. Por outra banda, o día 13 a escola de danza lalinense Maisquedanza ofrecerá “Danzando na terra” na carballeira de Soutelo, en Forcarei, ás 20.30 horas.
O espectáculo de fusión danza urbana, contemporánea e tradición, con sinerxías co teatro, está dirixido por Marta Maceira. E o 23 de setembro a programación rematará coa escola de danza Unidance en Tui, concretamente no Paseo Fluvial, co río Miño de fondo. No seu espectáculo “Os 4 elementos” unen danza urbana, contemporánea e tradición, con acrobacia e un número con lume. Está dirixido por Alejandra Teixeira.
Tras as Ameas
No caso de “Tras as ameas”, deseñado para dinamizar os espazos dos castelos de Soutomaior e Sobroso, acada a súa terceira edición e volverá levar a estes escenarios distintas disciplinas artísticas para poñer en valor o patrimonio e a musealización levada a cabo. A programación arranca este xoves 30 co concerto nocturno (22 horas) que ofrecerá o dúo de voz e oboe formado por Faia Díaz e Benxa Otero en Sobroso.
Serán 14 actividades, 1 en xuño, 6 en xullo, 6 en agosto e 1 en setembro, que inclúen obradoiros, concertos nos xardíns, espectáculos escénicos de teatro, maxia, circo e contacontos, englobados nas Noite nos castelos (accións disciplinares nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar), Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita! (teatro de rúa), Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia). As inscricións para participar nestas actividades están abertas a través do formulario que se pode atopar na web da Deputación (www.depo.gal)
Trala primeira actuación deste xoves 30 en Sobroso, “Tras as Ameas” continuará en xullo. O día 7, Migallas ofrecerá o contacontos musical “Elas pintan moito” ás 19 horas en Soutomaior, mentres que o día 12, ás 19 h, Mamá Cabra e BellónMaceiras protagonizarán “A música das buguinas”, unconcerto didáctico contado sobre a música tradicional en Sobroso.
Pola súa banda, Pedras de Cartón porá en escena o día 14, ás 19 h o “Quixote” (teatro de rúa) en Soutomaior e o día 19, a partir 19 horas, o Mago Noel ofrecerá o seu espectáculo no Castelo de Sobroso. Posteriormente, Koun(t)erpoint, con María Domínguez e Laura Iturralde, aunará danza, música e proxección o día 21, ás 22 horas en Soutomaior e o día 28, ás 19 horas, Barafunda Animación ofrecerá maxia e humor co espectáculo “Do Maxín á Realidade” en Soutomaior.
En agosto continuarán as actuacións con Ollo Piollo, que ofrecerá o espectáculo “Canta contos. Sons da batea” o día 4, ás 19 horas en Soutomaior; con Circo Chosco, que levará a Sobroso o día 11, ás 19 horas “Oh pera!” (circo cómico) e o día 16 con Pablísimo, que protagonizará “Príncipas e princesos”, unha sesión de contacontos ás 19 horas en Sobroso.
Amais o día 18, ás 19 horas, actuará Cía Vaya con “Vertical Bloom” (pallasos e humor acrobático) en Soutomaior; o día 23, ás 18 horas, haberá un obradoiro con Vacío O (Alexandra Rey) de “Debuxo e acción. A gráfica en movemento como medio de creación” en Sobroso e o día 25, ás 18 horas, outro obradoiro con Vacío O (María Gar), “Surcos e pegadas.
A natureza como ferramenta para crear” en Soutomaior. Por último, o 1 de setembro o programa rematará en Sobroso coa actuación de Culturactiva, que porá en escena ás 19 horas “Saaabor!”(comedia, teatro de rúa) en Sobroso.