Pontevedra | A Deputación de Pontevedra vén de mobilizar un investimento de 2,7 millóns de euros en novos recursos para “garantir dereitos e servizos” en 33 concellos da provincia. En concreto, a Xunta de Goberno aprobou hoxe oito achegas do Plan Concellos que beneficiarán a sete municipios: Bueu, Campo Lameiro, Covelo, Cuntis, Mos, Gondomar e O Grove.
Por outra banda, o goberno provincial adxudicou xa o Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais para 31 dos 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes aos que va dirixido, cun investimento de 1,4 millóns.
No que se refire ás achegas do Plan Concellos, corresponden á Liña 1 de Investimentos e, como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, “van permitir que estes municipios poidan abordar a construción ou rehabilitación de equipamentos, así como cuestións que teñen que ver coa recuperación do espazo público”.
Así, no caso de Bueu, recibirá 388.482€ a través de dúas achegas: unha de 229.139€ para financiar a aportación municipal do Plan ReacPon, que servirá para a reforma e ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, cuxo orzamento total ascende a 916.559€. A outra achega ascende a 159.342€ e irá destinada á adquisición dunha parcela con destino ao uso de estacionamento e servizo de caravanas e autocaravanas.
Mos contará cunha achega de 354.928€ para financiar a mellora da seguridade viaria na Estrada da Vía, nas parroquias de Tameiga-Dornelas-Torroso; e Gondomar recibirá 166.708€ para financiar a aportación municipal do ReacPon que abordará a adecuación urbano sostible na praza Rosalía de Castro e a súa contorna. O orzamento total desta actuación ascende a 833.544,36 €.
No que atinxe a Campo Lameiro, recibirá 154.620€ para financiar as actuacións de pavimentación nos camiños Bailadoiro, Casaldey, Casteliños, Valiño, San Miguel, Laxe e Painceiro. Tamén o concello de Covelo terá unha axuda de 112.905€ para traballos de pavimentación de camiños, concretamente en Piñeiro, Lamosa, Paraños e Covelo. O Grove percibirá 110.356€ euros para financiar a súa aportación municipal no marco do convenio coa Deputación para financiar a mellora da seguridade viaria na EP-9101 O Grove-Igrexa de San Vicente, nun treito de 1,5 quilómetros.
A institución provincial financiará polo tanto o 100% da obra, cun orzamento de 551.783€, e que inclúe a construción dunha senda peonil entre Campos e Reboredo, cun ancho mínimo de 2,5 metros. Por último, Cuntis recibirá unha achega de 99.999€ coa que poderá abordar a mellora dos accesos aos núcleos de Vilariño, Montesandeu e Carreira Ancha.
Por outra banda, a Deputación xa ten adxudicado o Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais a 31 dos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes aos que está dirixido. A través deste Plan, que en conxunto supón un investimento de case 2,5 millóns, a institución provincial cofinancia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o Persoal para os Servizos Sociais dos concellos.
Os recursos ata agora aprobados ascenden a 1,4 millóns (1.436.029€), o que supón máis da metade do total e que se completará nos vindeiros días. A presidenta Carmela Silva explicou que con esta iniciativa “garántese que haxa na provincia uns Servizos Sociais profesionalizados e públicos para unha atención de calidade das persoas en situación ou risco de exclusión social”. Neste senso, lembrou que “é o mundo local o que está a facer fronte a cuestións que son competencias da administración autonómica”.
Os concellos co plan xa adxudicado son: Moaña (cun investimento de 80.959€); Sanxenxo (80.264€); Vilanova de Arousa (82.939€); Salceda de Caselas (60.088€); Agolada (50.633€); Baiona (51.310€); Barro (31.591€); Bueu (51.786€); Caldas de Reis (50.907€); Cambados (47.163€); Campo Lameiro (27.328€); A Cañiza (55.846€); Catoira (21.337€); Cerdedo-Cotobade (52.265€); Covelo (36.387€); Crecente (29.889€); Cuntis (47.535€); Gondomar (56.446€); A Guarda (59.866€); A Illa de Arousa (21.014€); A Lama (33.838€); Mondariz (56.079€); Mondariz-Balneario (22.697€); As Neves (36.733 €); Pazos de Borbén (24.094€); Ponte Caldelas (52.946€); Pontecesures (27.681€); Salvaterra de Miño (52.925€); Soutomaior (30.494); Tomiño (59.042€) e Valga (43.939€).