Pontevedra | As visitas guiadas ao xardín de Excelencia Internacional no Castelo de Soutomaior confórmanse como unha atractiva opción turística e de ocio para esta vindeira ponte de Semana Santa. A Deputación de Pontevedra, coincidindo coa etapa de floración da camelia, ten en marcha por terceiro ano consecutivo estes percorridos botánicos -sempre cun aforo reducido e adaptándose ás circunstancias e evolución da crise sanitaria- e aínda que as prazas para o sábado 20 están xa esgotadas, quedan vacantes para a xornada do domingo. Tamén quedan algunhas prazas libres para as visitas previstas na última fin de semana deste mes, os días 27 e 28.
Estas visitas ofrecen a posibilidade de coñecer todas as variedades de camelias do Xardín de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior, distinguido co selo Observer de turismo científico, así como a súa orixe, coidados e curiosidades. Así mesmo, este ano o percorrido inclúe como novidade, ao abeiro da programación do 8M da Deputación, a visita ao “Xardín de Camelia con nome de muller”, o espazo creado no pasado ano 2020 coa plantación da primeira camelia María Vinyals, e completado logo coas variedades Rosalía de Castro, Bella Otero e Jane Andersen. Os percorridos tamén teñen unha parada na plantación de té de camelia existente nos Xardíns, coa explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.
As persoas interesadas poden adquirir as entradas a través da web do Castelo. As visitas están guiadas por persoal especializado e celébranse sábado e domingo a partir das 12 horas, cunha hora e media de duración. O custe é de 1,5 € no caso da tarifa reducida e de 3 € a tarifa normal.