Valencia | No marco da V Conferencia de presidencias de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares que se celebra en Valencia, organizada pola Deputación de Valencia, a Fundación Democracia y Gobierno Local e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, resaltou hoxe “a oportunidade histórica dos Fondos Europeos para enfrontar a recuperación e, especialmente, subliñou a dixitalización como factor clave de presente e de futuro e cun papel primordial na preservación do noso modelo de benestar europeo”.
De feito, a Deputación referénciase como a institución provincial máis avanzada en innovación a través da transformación dixital da administración pública, das Pemes e da cidadanía, unha aposta decidida fai anos que sitúan hoxe á institución nunha posición inmellorable para captar fondos europeos.
A presidenta provincial, que participa na mesa de debate sobre a transformación dixital xunto a representantes doutras Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares, destacou o enorme esforzo realizado pola dixitalización desde a chegada ao goberno da Deputación de Pontevedra. Carmela Silva explicou as accións realizadas a nivel interno coa dixitalización dos servizos da institución como os de recadación de impostos (ORAL), os arquivos provinciais, o servizo de Patrimonio Documental ou do Museo Provincial.
Tamén na modernización de instalacións como os equipos e servizos da Finca Mouriscade, centro agrogandeiro de referencia internacional, co lanzamento por exemplo dunha APP para consultar no móbil en tempo real resultados das análises do laboratorio.
A Deputación tamén estendeu a transformación dixital aos concellos da provincia. O propio Tribunal de Contas asegura no seu último informe que a Deputación de Pontevedra é xunto á de Barcelona a referencia en España no impulso da administración electrónica de forma que a Admin-e provincial está aberta aos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes, financiando a institución o 75% do coste, e garantindo que máis do 90% da cidadanía poida facer xestións electrónicas.
Deste modo, a plataforma xerou xa máis de 16 millóns de documentos electrónicos, 3 millóns de firmas, ou 2 millóns de rexistros. O Tribunal de Contas confirmou, amais, que a Deputación é unha das tres únicas do Estado que subvencionou a administración electrónica aos concellos proporcionando asistencia a máis do 90% da poboación, unha aposta pola transformación dixital que chega tamén aos servizos de impresión e dixitalización de 37 municipios.
Carmela Silva detívose igualmente no traballo feito para a transformación dixital do sector empresarial con programas propios para pemes, persoas autónomas e emprendedoras como SmartPeme, que realizou nestes anos máis 13.000 asesoramentos en TIC a máis de 1.800 empresas da provincia e 1854 talleres con case 20.000 asistentes. Engádense accións como TIC Emprendes e novos programas como o Kit Dixital ou AceleraPyme para impulsar os procesos de transformación dixital das empresas.
No ámbito económico e da industria, a presidenta subliñou programas como IN4.0 de cooperación transfronteiriza para a mellora da competitividade do sector naval mediante a súa adaptación ao modelo 4.0, e no sector turístico, clave na provincia, é coñecida a aposta decidida polo sector audiovisual mediante o Plan do Hub Audiovisual, ou a iniciativa Tourist Inside Rías Baixas para transformar o turismo co avance dixital e poñendo a disposición do sector ferramentas como a escoita activa, plataformas open data ou a plataforma de interoperabilidade. Todo elo, amais de programas como Turistic ou as aceleradoras de turismo, do comercio e do terceiro sector.
A presidenta provincial tamén explicou o traballo realizado a nivel formativo en transformación dixital, tanto co funcionariado da propia Deputación como dos concellos da provincia, e coas persoas que máis padecen a fenda dixital como son as persoas maiores e as mulleres, particularmente no rural.
No ámbito social destacou o programa de teleasistencia avanzada nos concellos coa aplicación das novas tecnoloxía e, particularmente, se detivo nas actuacións emprendidas para reverter a fenda dixital de xénero, prioritarias para a Deputación, con numerosas accións como o proxecto Tecnolóxicas, Conectadas, Inspira Steam, ou a Cátedra de Feminismos 4.0 da man da Universidade e de colectivos sociais. Tamén anunciou o proxecto “Gegame”, ferramenta educativa en formato videoxogo para promover a igualdade.
Carmela Silva explicou que “con todo este traballo feito estes anos podemos ser optimistas porque estamos nunha moi boa posición para captar fondos europeos. “Seguimos presentando proxectos ás novas convocatorias dos Next Generation como o Turist Inside II; os 47 proxectos de infraestruturas e dotacións singulares do ReacPon, que incorporan a dixitalización como unha medida transversal a este plan que estamos presentado a programas como o DUS 5000 e ao PIREP; ou os plans de sostenibilidade turística e de comercio con iniciativas para a transformación dixital”.
A presidenta fixo tamén mención ás novas convocatorias dos Fondos como as previstas ao través dos PERTES, ou a posta en marcha a finais de ano dunha Compra Pública Innovadora, por importe alo menos de 5 millóns de euros, “coa que esperamos completar a transformación dixital da provincia e contribuír a pechar as fendas dixitais que afectan a poboación por razóns socioeconómicas, de xénero, xeracionais, territoriais ou medioambientais”.
Finalmente, Carmela Silva mostrou a súa preocupación ante o baixo nivel de execución dos fondos nalgunhas comunidades autónomas “como é o caso da Xunta de Galicia”, a quen instou a unha maior axilidade na posta en marcha das convocatorias derivadas dos Next Generation.
Lembrou que Galicia é a sexta comunidade do Estado en recepción de recursos, con 818 millóns de euros que ten que xestionar de forma directa no territorio, e recordou que o reparto do 97% dos fondos se decidiu de forma consensuada ao través de 75 conferencias sectoriais. Por elo, amais de maior axilidade, reclamou tamén ao executivo galego maior colaboración co mundo local. “Igual que o goberno de España acorda coas comunidades, a Xunta debe facer o mesmo que reclama ao Estado, falar coas Deputacións e cos Concellos. E non o están a facer”.