Pontevedra | “Que non enganen á xente. Nunca haberá un título de FP para a Escola de Cantería se non se reclama e se defende a transferencia do centro á Xunta de Galicia”, asegurou a deputada provincial Noemí Outeda referíndose ás últimas demandas formuladas polo PP a nivel estatal.
A responsable da Escola de Cantería, que deu “a benvida á preocupación que ultimamente están a ter pola escola”, recordou que “a educación é competencia exclusiva das Comunidades Autónomas” e manifestou botar en falta “que as e os señores do PP non presenten iniciativas no Parlamento Galego esixindo a transferencia do centro” á Xunta de Galicia.
A deputada provincial asegurou non entender “como agora entran as presas para que haxa un novo título de FP cando entre 2011 e 2018 había un ministro de Educación do PP ao que non formularon demandas de ningún tipo, a pesar de que tanto o alumnado coma o profesorado reclamaban unha titulación oficial”.
“A deputada provincial asegurou non entender ‘como agora entran as presas para que haxa un novo título de FP cando entre 2011 e 2018 había un ministro de Educación do PP ao que non formularon demandas de ningún tipo, a pesar de que tanto o alumnado coma o profesorado reclamaban unha titulación oficial”
Tamén recordou Outeda que “cando chegamos á Deputación de Pontevedra a Escola de Cantería por non ter, non tiña nin licencia. Tivemos que investir moitos recursos para conseguir, en xuño de 2020, que o centro, que levaba vinte anos en funcionamento, acadase a licenza de primeira ocupación. Esta era a vergoñenta xestión do PP”.
Fai un ano que o goberno provincial rematou as obras na Escola de Cantería, nas que investiu case medio millón de euros, para acadar a licenza municipal de actividade coa adaptación do centro á normativa vixente en materia de accesibilidade, contaminación acústica, protección contra incendios e seguridade, condicións hixiénicas e de habitabilidade e prevención de riscos laborais.
“Fai un ano que o goberno provincial rematou as obras na Escola de Cantería, nas que investiu case medio millón de euros, para acadar a licenza municipal de actividade coa adaptación do centro á normativa vixente”
Estas obras permitiron que a Escola poida optar á acreditación como Centro de Formación para o Emprego no que impartir ata cinco certificados de profesionalidade (elaboración de pedra natural, obras de artesanía e restauración en pedra natural, operacións auxiliares en plantes de elaboración de pedra natural e de tratamento e beneficio de minerais e rochas, desenvolvemento e supervisión de obras de restauración en pedra natural e colocación de pedra natural). Amais, nestes momentos, xa está en contratación a redacción do proxecto para o cambio da cuberta da Escola cun novo investimento de en torno aos 380.000 euros.
Actualmente, a Deputación de Pontevedra atópase á espera de que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a administración competente, a autorice para impartir a formación dos cinco certificados a través dun convenio. “Enviamos xa fai unhas semanas o borrador á Consellería e estamos á espera da súa conformidade” asegurou a deputada provincial, quen engadiu que “precisamos menos mocións e máis accións, que a Xunta se mova e se axilicen os trámites xa para que se faga unha realidade”.
Amais destes importantes pasos dados pola Deputación de Pontevedra, en setembro de 2019 a institución provincial enviou escrito á Consellería de Educación para traballar conxuntamente na transferencia da escola á Xunta de Galicia e poder avanzar cara a FP. Tamén reiterou en varias ocasións á administración autonómica que destinase recursos no marco do seu orzamento para facerse cargo, ao menos, do 50% dos custes do funcionamento do centro e dar, así, pasos nesta dirección.