Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar a primeira fase das esperadas obras de mellora da mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián, que une O Rosal con Tomiño, que contan cun orzamento de preto de 650.000 euros e cun prazo de execución de dez meses. O proxecto está enmarcado no modelo de mobilidade sostible, amable e segura que se está a levar a cabo nas estradas provinciais.
A primeira fase de actuación levarase a cabo nun treito de case dous quilómetros entre Tabagón e As Eiras, coa que, como explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, “vaise reconverter de xeito integral a estrada, para darlle prioridade aos peóns/as” amais de dar solucións aos problemas existentes e satisfacer as necesidades da propia estrada, mellorando a rede viaria, as súas infraestruturas e contorna.
Os traballos contemplan a creación dun carril de uso exclusivo peonil e ciclista, para o que se aumentará a superficie da plataforma actual da calzada, así como a renovación do firme da estrada, coa consecuente redución da velocidade da circulación a trinta quilómetros por hora.
Ademais, reformarase tamén a rede de drenaxe e canalización soterrada para a futura renovación do alumeado público. A nova EP-3303 contará cun ancho de 9,10 metros dos que 2,5 estarán dedicados ao carril de uso peonil e ciclista mentres que o resto da calzada estará dedicada aos vehículos, coa excepción de dous espazos de 0,5 metros a ambos lados da estrada.