Pontevedra | A Deputación de Pontevedra vén de lanzar a quinta edición dos cursos de español para persoas inmigrantes, a iniciativa coa que a institución provincial apoia á poboación non hispanofalante a preparar e superar a proba DELE A2 (Diploma de Español Como Lingua Estranxeira), indispensable para que poidan logo solicitar a nacionalidade española. Ao igual que o pasado ano, haberá un total de 55 prazas nos tres cursos de 40 horas de duración que se desenvolverán nesta edición, dous en Vigo e un en Pontevedra.
Desde este luns 12 de abril e ata o día 30 deste mes (inclusive) as persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario que poden atopar na web da Deputación de Pontevedra. As actividades arrancarán o 24 de maio en Vigo, co primeiro curso que se prolongará ata o 11 de xuño, en horario de 15.30 a 18.10 horas, e que ten un total de 20 prazas. Tamén na cidade olívica desenvolverase a segunda actividade formativa, desde o 14 de xuño ao 2 de xullo, de 9.30 a 12.10 horas, con 15 prazas. E do 13 de setembro ao 1 de outubro terá lugar o curso en Pontevedra, con 20 prazas, en horario de 9.30 a 12.10 horas.
As clases, ao igual que o pasado ano, desenvolveranse cun estrito protocolo anti Covid, que inclúe o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade. En caso de que a formación non se puidera impartir polas circunstancias de modo presencial, valorarase a posibilidade de realizala en remoto e, en todo caso, o seu desenvolvemento estará supeditada á normativa vixente en cada momento.
“Nestes cursos poden participar persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas nalgún dos concellos da provincia e se atopen en situación regular. Unha vez finalizados os cursos, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo”
Nestes cursos poden participar persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas nalgún dos concellos da provincia e se atopen en situación regular. Unha vez finalizados os cursos, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, que terá lugar o 10 de setembro para as persoas que participaron nos dous primeiros cursos e o 13 de novembro para as do terceiro curso.
A Deputación de Pontevedra puxo en marcha esta iniciativa no ano 2017 co fin de facilitar lles ás persoas de países non falantes a consecución deste título e, por conseguinte, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. Trátase dunha proba que require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. A través deste programa, a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no DELE A2. Nas catro edicións anteriores, estas actividades tiveron un total de 235 participantes.
O pasado ano un total de 40 persoas superou a proba, o que supón un 80% do alumnado. A maioría das persoas participantes procedían de Marrocos, Brasil e Senegal, amais doutros países como Ghana, Mauritania, Quenia, Alxeria ou Nixeria.