Tomiño | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de presentar o Plan +Aqua, o programa dirixido ás comunidades de augas da provincia que, dotado cun millón de euros, aprobou as súas bases o pasado mes de decembro.
Durante o acto, que tivo lugar este sábado no Centro Cultural de Sobrada de Tomiño, Luis López, xunto o deputado de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, e o fundador e representante da Asociación de Traídas de Augas Rurais, Rafael Carrera, remarcou “o firme compromiso da institución coas comunidades de augas da provincia de Pontevedra”.
“Este plan, que pon o acento na xeración de sinerxías positivas, sobre todo no rural, responde ao novo modelo de xestión na Deputación de Pontevedra, centrado nas persoas, sostible e aliñado cos obxectivos de reto demográfico”, asegurou o presidente. “Tiñamos –engadiu- unha débeda coas comunidades de augas, que desenvolven un papel imprescindible nos espazos máis afectados pola desigualdade territorial”.
Por estes motivos, asegurou Luis López, xurdiu +Aqua, “para mellorar o medio rural e as barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos; velar pola xestión da auga apoiando e fortalecendo a participación das comunidades locais; garantir o acceso universal e equitativo á auga potable, asegurando a súa calidade e sostibilidade; impulsar infraestruturas e equipamentos comunitarios que faciliten a autoxestión e a transformación social do territorio e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, fomentando e dinamizando a implantación homoxénea de servizos comunitarios básicos”.
As axudas do Plan +Aqua oscilan entre os 6.000 e os 10.000 euros e as comunidades de augas poden presentar a súa solicitude ata o 29 de febreiro. Cos recursos do plan, as entidades poderán mellorar, reformar ou reparar as súas infraestruturas e instalacións de auga comunitaria; realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora da calidade da auga; mellorar os sistemas de tratamento; legalizar novas concesións ou renovar as existentes, así como mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.
A aposta da Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo ascende este ano 2024 aos dous millóns de euros xa que, ademais do millón de euros que contempla o Plan +Aqua, tamén se aprobou outro millón de euros dirixido ás entidades veciñais, o Plan Provincia Comunitaria, que se presentou esta mesma semana aos colectivos da provincia.
Volve “Voando nas Rías Baixas”
As rutas ornitolóxicas da Deputación de Pontevedra do 2024 comezaron este domingo, 14 de xaneiro, cun percorrido pola Foz da Ramallosa e praia América, nos concellos de Nigrán e Baiona. A primeira saída do ano do programa “Voando nas Rías Baixas”, que impulsa a institución provincial da man de SEO/BirdLife, esgotou as 25 prazas ofertadas en menos de 24 horas.
A Foz da Ramallosa é un espazo intermareal protexido pola Rede Natura 2000. Trátase dun lugar de alto valor ecolóxico, cómodo para a observación de aves polo preto que se poden avistar e polo confiadas que se mostran cara ao ser humano. Durante a ruta ornitolóxica, as persoas participantes poderán ver desde limícolas como mazaricos, biluricos ou pilros; ata unha ampla variedade de gaivotas, así como diferentes especies de garzas, aguias pescadoras e aves mariñas como os carráns cristados.
O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle unha guía de aves.
O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla no 2024, ademais deste percorrido pola Foz da Ramallosa e praia América, outras seis rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000. Deste xeito, en febreiro terá lugar un percorrido polo esteiro do río Lérez e a zona intermareal Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio), en abril polas Ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), en maio pola Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), en xuño pola praia da Lanzada (O Grove), en setembro polas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro polo esteiro do río Miño (A Guarda).