Pontevedra | A Deputación de Pontevedra aprobará no pleno extraordinario do próximo día 21 o orzamento de 2023 que aumenta nun 6,55% con respecto a 2022 e que supón poñer a disposición da provincia un total de 187,35 millóns de euros ao sumar aos 181,63 millóns do presuposto os 5,72 millóns de remanentes deste ano.
Trátase do orzamento máis ambicioso de toda a historia da institución co obxectivo de acometer unha potente inxección económica no territorio para enfrontar a crise, “un orzamento, en palabras da presidenta Carmela Silva, pensado, elaborado e moi traballado para dar respostas aos concellos e á cidadanía nun contexto tan complexo como o que nos atopamos”. Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, definiu as contas como “ambiciosas, expansivas e prudentes”, e subliñou que o capítulo que máis medra é o dos investimentos, (de 12 a 17 millóns de euros -un 33,11%-) e que, como nos anos anteriores, segue sen haber fondos de libre disposición para a presidenta e máis el.
O orzamento de 2023 é claramente progresista e, como dixo Carmela Silva, “dá resposta a promover e garantir dereitos e servizos vivas onde vivas, un orzamento que se asenta na Axenda 2030, na Axenda Urbana e na dinamización económica, cultural e social da provincia”. Conta cun Plan Concellos que aumenta ata os 44 millóns de euros en transferencias directas, amais doutras accións, que suman 24,85 millóns, que revalidan á Deputación como a institución provincial que máis recursos transfire ao territorio: “un 33,7% cando a media do Estado está no 17% e en Ourense non chega ao 0,5%”. O orzamento presenta unha poderosa aposta polas políticas sociais “porque este é o momento de estar coa xente e as persoas teñen que estar no centro”, sube ata os 19 millóns de euros, un 4% máis que no 2022. Tamén revalida a súa aposta pola recuperación sostible e está envorcado á consecución dos fondos europeos. De feito, co traballo realizado, no 2023 se espera conseguir de Europa o equivalente a un orzamento adicional para a provincia.
“O orzamento de 2023 é claramente progresista”
Carmela Silva sinalou que “é un gran orzamento, o máis grande da historia, ao que aínda imos sumar moitos recursos da Unión Europea e que ten no corazón á provincia, o seu desenvolvemento, cun modelo claro de progreso ideado para garantir a súa transformación, modernizar todas as súas estruturas e mellorar a vida das veciñas e veciños”.
A presidenta provincial subliñou que “é o octavo orzamento do goberno, en tempo e forma, que cada ano levamos antes ao pleno seguindo o modelo claro que temos para a provincia, baseado no respecto absoluto dos dous grupos de goberno e tamén en que estamos abertas e abertos a escoitar as boas ideas para poñer en marcha e mellorar a vida da xente, dinamizando esta provincia e transformándoa a través de proxectos con visión global”. Carmela Silva detallou todas as “potentísimas” cifras e incrementos por áreas de goberno do orzamento e subliñou os recursos destinados aos concellos, con 327 millóns dende o 2016, recordando que “a Xunta dedica cada ano 112 millóns de euros aos concellos de toda Galicia, polo que o esforzo que temos feito é incrible, é extraordinario, nin o soñaban os concellos no 2015”.
César Mosquera salientou que os orzamentos provinciais de 2023 atenden ao que necesita a provincia, os concellos e a propia Deputación “sen gastar enerxías en cuestións secundarias”, e destacou tamén que os orzamentos vanse aprobar máis rápido ca nunca grazas a que a Deputación está a funcionar politicamente de maneira pacífica e sen problemas, consecuencia da experiencia e de que o goberno bipartito está asentado en bases sólidas acordadas en 2015.
Así mesmo, subliñou que as contas están feitas practicamente a petición dos servizos provinciais tendo en conta as necesidades reais, sen inflar solicitudes e coa certeza de que non se fan recortes como acontecía antigamente. “Xa non se fan contas aos Reis Magos, se cada servizo precisa recursos teraos en tempo e forma”, asegurou, subliñando que o organismo está a funcionar de maneira axustada, coma unha “balsa de aceite”.
O orzamento en números
Para o 2023 o orzamento da Deputación ascende aos 181,63 millóns de euros, sendo o consolidado de 185,39 millóns de euros cos importes correspondentes á Escola de Enfermería, Consorcio Provincial Contra Incendios e o Consorcio do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Trátase do maior orzamento da historia da Deputación que crece un 26,22% máis que no 2015, para seguir avanzando na construción dunha provincia xusta e igualitaria.
As contas permitirán dotar, entre outras cuestións, dun 200% máis de recursos aos convenios para impulsar infraestruturas sostibles e amables por todo o territorio, incrementar un 18,07% o orzamento en igualdade e nun 16% os recursos destinados a actividades deportivas e culturais na provincia. Tamén se reforza a aposta polo medio natural e a sostibilidade, a eficiencia e innovación, o reequilibrio sostible do territorio, o reforzo dos sectores estratéxicos, a formación, innovación e dixitalización e a reactivación cultural, turística e deportiva.
“O Plan Concellos crece ata os 44 millóns de euros, un millón máis que no 2022”
O Plan Concellos crece ata os 44 millóns de euros, un millón máis que no 2022 destinado especificamente aos municipios de menos de 20.000 habitantes. Un plan que ata 2022 permitiu aos concellos impulsar 2.913 obras, realizar 1.440 pagos e crear 7.007 postos de traballo. Esta eficaz ferramenta xunto a plans impulsados pola Deputación como o ReacPon (26,33 millóns de €), DepoRemse (11 millóns de €) e o de Reequilibrio (19,75 millóns) supón a distribución ata agora de 327 millóns de € nos concellos da provincia. Tamén se destinarán 24,85 millóns de € para outras accións cos municipios cun incremento do 10,93%. Mediante estes recursos vanse impulsar convenios e incrementar as axudas sociais, culturais, deportivas, de igualdade, de novas tecnoloxías, de medio ambiente, formación, dinamización da lingua e en turismo.
O compromiso da Deputación coa Inclusión Social superará os 18,90 millóns de € no 2023 para impulsar programas sociais inclusivos, axudas de emerxencia a concellos, a teleasistencia domiciliaria, rehabilitar o Centro Príncipe Felipe, colaborar con ONGs e espallar iniciativas destinadas á mocidade.
Distribuiranse 41,32 millóns de €, cun incremento do 6,5%, para Políticas de Recuperación Sostible e fronte ao Reto Demográfico coa posta en marcha de máis infraestruturas sostibles, amables e seguras; novos plans de seguridade viaria; iniciativas de promoción de emprego; o plan Revitaliza; o apoio ao sector primario e á economía verde ou, entre outras iniciativas, o fomento do emprendemento na escola.
Outros 23,03 millóns de €, cun crecemento do 5,65%, irán destinados ao Fortalecemento da Cultura, o Deporte e o Turismo con iniciativas de apoio á creatividade e á creación cultural, o impulso de actividades culturais como reclamo turístico, a dinamización da lingua, o Museo de Pontevedra e a nova dotación de Santa Clara, a aposta por grandes eventos deportivos como dinamizadores turísticos, bolsas para deportistas de elite, os festivais de cinema e de música e melloras nos castelos de Soutomaior e Sobroso.
Para Patrimonio e Memoria Histórica, a Deputación destinará 2,62 millóns de € no 2023, o que supón un incremento do 2,08% e permitirá desenvolver actividades, o proxecto “O pasado por vir”, recuperar o patrimonio histórico e o marítimo e colaborar con actuacións cos concellos.
A Igualdade no centro da acción política. Conta cun orzamento de 2,13 millóns de €, cun crecemento do 18,07% con respecto ao 2022, aínda que se destinan moitos máis recursos que forman parte de todas as áreas de goberno para seguir convertendo á Deputación nunha referencia no Estado. Continuaranse promovendo proxectos, accións para a corresponsabilidade fronte á conciliación, iniciativas de formación na Escola María Vinyals, campañas de concienciación e visibilización, colaboración coa universidade para a creación do coñecemento e a investigación, iniciativas para visibilizar ás mulleres en diferentes eidos, loitar contra a violencia de xénero, dar cumprimento á axenda feminista e da axenda da paridade e colaborar co tecido social neste ámbito.
“A Igualdade no centro da acción política. Conta cun orzamento de 2,13 millóns de €”
Ademais destinaranse 30,5 millóns á creación dunha Administración Eficiente e Innovadora, cun incremento do 1,67% para continuar modernizando á administración e apostar polo teletraballo, crear un modelo de xestión de persoal eficaz e transparente, impulsar ofertas de emprego para unha maior cualificación do persoal, crear unha administración 100% electrónica, apostar polo mantemento e modernización das instalacións e impulsar a ciberseguridade.
Como outro dos eixos prioritarios, a Deputación envorca tamén o orzamento á consecución dos Fondos Europeos e contempla acadar no 2023 o equivalente a un orzamento adicional para a provincia, con 60 proxectos en marcha e 25 millóns de € en estudo para impulsar iniciativas centradas na transición verde e dixital como retos principais.
Dende o 2016 téñense mobilizado de Europa ata 110 millóns de € e, coa creación da oficina de Proxectos Europeos, tense dado un pulo á captación de recursos para apoiar aos concellos na xestión destes fondos, executar o plan estratéxico de fondos e desenvolver e implantar a Axenda 2030 e Axenda Urbana.