Pontevedra| Co obxectivo de recoñecer o papel das mulleres no audiovisual, a presidenta da Deputación de Pontevedra presentou os primeiros premios #Mulleresnofoco, no decurso da xornada “Fóra de plano. Mulleres no audiovisual”, impulsada pola Escola de Igualdade María Vinyals e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais CIMA.
No evento, que foi seguido on line por case 400 persoas, participaron, amais da presidenta, Cristina Andreu, presidenta de CIMA, Beli Martínez, produtora, Mónica Camaño, actriz, e Noemí Chantada, realizadora.
Tamén presentáronse os resultados do Informe de CIMA, nos que se reflicte que soamente o 30% do persoal ao fronte de longametraxes en España durante o 2019 foron mulleres e que son elas as que dirixen as películas de menor orzamento. Ao respecto, a presidenta fixo fincapé en que “non lle quede a ninguén dúbida algunha de que as mulleres imos estar e reivindicar a nosa presenza no audiovisual, o talento extraordinario que temos e todo o que aportamos”.
Os premios #Mulleresnofoco, aos que Carmela Silva cualificou como “fundamentais”, teñen por obxectivo poñer en valor o traballo das mulleres do audiovisual situándoas “no centro de todo para facelas entrar no plano”. Necesitamos “reivindicar a situación das mulleres neste eido tan importante, porque a cultura e o cinema moven e transforman o mundo, teñen unha grande capacidade para chegar a millóns de persoas, e é imprescindible que se conte con nós, xa que se falta a mirada das mulleres, falta a metade do mundo”.
“Necesitamos reivindicar a situación das mulleres neste eido tan importante, porque a cultura e o cinema moven e transforman o mundo”
Deste xeito, estes primeiros premios, que promove a Deputación e a asociación CIMA e que se lanzarán de cara ao vindeiro ano, serán tres en total e contarán cunha dotación económica amais do galardón, que terá forma de claqueta.
Os datos do Informe CIMA
Durante a xornada tamén se presentou o Informe de CIMA, “fundamental –asegurou Carmela Silva- para explicar ao conxunto da sociedade cal é a realidade á que nos enfrontamos”, algo no que tamén incidiu a presidenta da Asociación Cristina Andreu quen amosou a súa preocupación porque “en época de crisis as que primeiro caen son as mulleres”.
Andreu informou que CIMA, integrada por 600 mulleres do audiovisual estatal, queren conseguir que os “contidos os conten as mulleres e que elas poidan traballar en igualdade de condicións que os homes, porque o talento é fundamental, pero se non hai igualdade non se pode premiar o talento”.
Chelo Loureiro, vogal da asociación, destacou a posición moi minoritaria das mulleres no audiovisual estatal producindo películas, amais, con menores orzamentos, “o que se traduce en menos cartos para promoción, menos visibilidade e menos posibilidade de obter premios”. “Ocupamos os postos máis feminizados –destacou-, como deseño de vestiario, maquillaxe ou peiteados, con porcentaxes que oscilan entre o 60 e o 100% e, sen embargo, somos entre o cero e o 40% en dirección de fotografía, composición musical, efectos especiais, dirección, montaxe ou guión”.
Amais, “as mulleres desaparecemos naquelas producións onde se moven máis cartos, como animación, e temos maior presenza en aquelas con menor orzamento, como o documental”. Ao respecto, dende CIMA están a traballar para incluír, impulsar e ampliar cláusulas para o fomento da igualdade en subvencións para a produción audiovisual, porque “observamos que nas Comunidades Autónomas que o fan presentan porcentaxes superiores de películas dirixidas por mulleres e fendas económicas inferiores nos seus orzamentos”.
“Dende CIMA están a traballar para incluír, impulsar e ampliar cláusulas para o fomento da igualdade en subvencións para a produción audiovisual”
Tamén propoñen a necesidade de crear tanto na administración central como nas autonómicas bases de datos sobre o audiovisual con fincapé no xénero, “porque a única forma de poder falar con forza é se nos apoiamos en datos reais”.
Trala presentación do informe e CIMA tivo lugar a mesa de debate “Onde estamos as mulleres no audiovisual? Cuestión de plano”, moderada por Chelo Loureiro, na que participaron Beli Martínez, produtora audiovisual e representante do proxecto “Cinema e muller” da Deputación; Mónica Camaño, actriz e unha das protagonistas de “Nación”, un dos filmes patrocinados desde o programa da institución provincial “Pontevedra, plató de cinema”; e Noemí Chantada, realizadora audiovisual, fundadora de
“Islandia Producciones” e directora da curta “Sorrisos transformadores”. No debate reflexionouse sobre a situación da muller no eido do cinema e da produción audiovisual, destacando o papel que desenvolven no presente e os retos de futuro.
Amais, e como complemento á xornada, ata o domingo 13 de decembro a Deputación de Pontevedra ofrece ás persoas inscritas na xornada “Fóra de plano” unha selección de curtametraxes con perspectiva de xénero a través de www.depo.gal. En total, poderanse ver na web “Xoves de Comadres”, de Noemí Chantada; “Familias, de Sara Bomba e Iván Martín; “Carne”, de Camila Kater; “Beef”, de Ingride Santos e “Reflejo” de Juan Carlos Mostaza, estas tres últimas candidatas aos Premios Goya como mellor animación (“Carne” e “Reflejo”) e como mellor ficción (“Beef”).