Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado dos vicepresidentes provinciais Marta Fernández-Tapias e Rafa Domínguez, asistiu no Museo do Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, á entrega das Medallas de Galicia 2023. No acto o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, fixo entrega das Medallas de Ouro de Galicia a Juan Pardo, Carlos Núñez e Luz Casal.
Pontevedra busca ser a capital mundial do triatlón
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou hoxe no Concello de Pontevedra nunha reunión do Comité Organizador da final do Campionato do Mundo de Tríatlon Pontevedra 2023, na que se avanzou na planificación do evento, que se celebrará este mes de setembro e que atraerá a milleiros de persoas á capital da provincia.
Na reunión estiveron presentes tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides; o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, e o da Federación Galega de Tríatlon, Gonzalo Triunfo, entre outros.
Segundo asegurou Rafa Domínguez, é “unha verdadeira honra” para a Deputación “participar e financiar este grandísimo evento que será a final das Series Mundiais do Tríatlon 2023, que traerá a moitísima xente a Pontevedra e suporá un retorno económico moi importante, xa non só para a cidade senón para toda a súa contorna”, pois estímase que dito retorno supere os 40 millóns de euros.
A final do Campionato do Mundo de Tríatlon converterá a Pontevedra en capital mundial desta disciplina deportiva do 22 ao 24 de setembro.
Está previsto que participen nela arredor de 5.000 deportistas, entre os que se atopan os e as triatletas de maior rango da clasificación internacional, na que será a última gran proba puntuable para os Xogos Olímpicos de París.