Pontevedra | A presidenta Carmela Silva mostrou hoxe a súa satisfacción polas “boas novas chegadas de Europa” tras confirmarse a concesión de máis de 2,1 millóns de euros do IDAE para financiar dous proxectos provinciais centrados na mellora da eficiencia enerxética e a mobilidade sustentable da Deputación, no modelo de desenvolvemento urbano, transición verde e na redución das emisións de dióxido de carbono. “Anunciamos na presentación dos orzamentos que íamos traballar para acadar recursos de fondos europeos a fin de promover a transición ecolóxica na provincia, recordou a presidenta da Deputación. Pois aquí están, chegan os primeiros e estamos convencidas de que chegarán moitos máis”.
“A través destes novos recursos europeos a Deputación estenderá a iluminación exterior sostible e eficiencia enerxética aos concellos de Portas, Valga, Vilanova e Vilagarcía de Arousa. O investimento era de 929.488 € e o IDAE confirma unha achega de 743.590 €”
A través destes novos recursos europeos a Deputación estenderá a iluminación exterior sostible e eficiencia enerxética aos concellos de Portas, Valga, Vilanova e Vilagarcía de Arousa. O investimento era de 929.488 € e o IDAE confirma unha achega de 743.590 €. Con este proxecto, substituiranse máis de 2.000 luminarias por leds de última xeración e elevada eficiencia que suporán un aforro enerxético medio estimado do 78% nos catro concellos. Polo miúdo, en Portas (299.007 €) renovaranse 580 luminarias conseguindo un aforro enerxético estimado do 76%; en Valga (199.072 €) substituiranse 501 luces cun aforro enerxético do 81%; en Vilanova (214.562 €) serán 465 as luminarias que se substituirán conseguindo un aforro enerxético do 69%; e en Vilagarcía (216.840 €) renovaranse 517 luces o que suporá un aforro do 84%.
Xunto á iluminación exterior sostible, o IDAE confirmou tamén unha achega de 1.400.045 € para o proxecto de redución da pegada de carbono na mellora da mobilidade peonil na EP-0601 Portosanto-Campelo en Poio, que se ía financiar con fondos propios cun investimento de 1.750.056 € . O proxecto, que se estende entre a confluencia das rúas Padre Avelino e Beiramar en Campelo ata a intersección coa avenida Peirao Besada, vai renovar a infraestrutura por completo, recuperando o espazo público para as persoas de xeito sostible e inclusivo.
Carmela Silva celebrou o apoio do IDAE ás iniciativas provinciais que está a desenvolver a Deputación, “tendo en conta, amais, que coa chegada destes recursos europeos, poderemos destinar boa parte da financiación propia prevista ao impulso de novas actuacións”.