Pontevedra | “Convertícheste nun orgullo e nunha referencia para todas as mulleres do mundo, a túa loita é difícil e complexa e hai que ser moi valente para erguer o peso da bandeira da loita por todas as mulleres afgás”. Con estas palabras, e con moita emoción, Carmela Silva definiu a activista e defensora dos dereitos humanos Massouda Kohistani, refuxiada en España desde agosto de 2021 trala chegada ao poder do réxime talibán en Afganistán.
A recepción da presidenta da Deputación de Pontevedra foi unha das paradas da súa visita a Galicia da man da ONG Amnistía Internacional, que remata esta tarde na cidade de Pontevedra cunha conferencia pública na Casa das Campás ás 18:00 horas.
“Podes contar con esta administración –asegurou Carmela Silva a Massouda Kohistani–. Levantaremos a voz para defender a todas as mulleres afgás e o conxunto do pobo afgán, porque o mundo ten que estar do teu lado e hai que facer moito máis do que se está facendo. É unha obriga política, ética e de valores”. A presidenta púxose á súa disposición para “que construamos unha rede de mulleres en España que apoie as vosas xustas e imprescindibles reclamacións”.
E manifestou compartir “plenamente a loita que están levando a cabo as mulleres de Afganistán. As mulleres que cremos na igualdade estamos moi preocupadas polo que está a acontecer, que me afecta no máis profundo dos meus valores e principios”, xa que “como filla e neta de mulleres que viviron nunha ditadura e non tiñan dereitos, que sufrían violencias machistas e nin a lei as protexía, son moi consciente da situación que viven”.
Ante isto, “Europa non pode mirar cara a outro lado, é fundamental que nos unamos e esixamos compromiso a todos os gobernos porque o que acontece é intolerable”, remarcou a presidenta, que agradeceu o labor de Amnistía Internacional como “unha ferramenta fundamental para lograr un mundo onde os valores humanos sexan o centro”.
A activista Massouda Kohistani asegurou estar “moi satisfeita pola gran comprensión, que me chega ao corazón”, e “moi orgullosa de ver unha muller nunha posición de responsabilidade, sei que poderás comprender e facer chegar mellor a nosa situación”. Kohistani lembrou que o grupo terrorista talibán “non respecta nin os dereitos máis básicos das mulleres mentres pide negociar esixindo que se respecte a súa cultura e ideoloxías, algo imposible cando din que o noso papel está na casa ou baixo terra”. Ante iso, a activista asegurou que “que calquera organización que vaia negociar será unha perda de tempo porque non obterá nada, e a única solución, aínda que non me gusta a guerra, é enfrontarse a eles e loitar”.
Por iso, solicitou “que se apoie a Fronte Nacional de Resistencia de Afganistán –milicias opostas ao réxime– e a Admah Masud –líder desta alianza–, que están loitando pola liberdade, xa que os talibáns están en contra do desenvolvemento, da liberdade e mesmo da felicidade das persoas, e que trataron sen éxito de deter as matanzas contra o noso pobo”. E é que o réxime talibán “mata, viola, obriga a matrimonios forzosos con nenas e a migracións forzosas, realiza xenocidios contra as persoas e asasinan os soldados do anterior réxime”, relatou Kohistani. Cébanse especialmente coas mulleres, “que non teñen dereito nin a ter negocios no interior das súas casas, que estaban dirixidos sobre todo a outras mulleres, porque non queren que teñan interacción entre elas”. As mulleres que protestan “son arrestadas, violadas e asasinadas”, e malia iso “a xente non cala, porque non protestar significaría aceptalos como gobernantes”.
Trala toma de Kabul por parte do exército, Massouda Kohistani chegou a Barcelona da man do Goberno de España e de CEPAIM (Fundación sen ánimo de lucro de Acción Integral con Migrantes). Desde entón, está dando visibilidade á situación que viven as mulleres e nenas de Afganistán desde que subisen de novo ao poder os talibáns en 2021, tras dúas décadas de políticas tuteladas polos Estados Unidos e forzas aliadas que supuxeron un gran desenvolvemento dos dereitos das mulleres. Desde entón, perderon o dereito á educación, ao traballo remunerado e á representación, ademais de ter moi limitadas as liberdades de movemento, de expresión e de asociación.
Kohistani formaba parte de movementos a prol dos dereitos das mulleres como a Unidade de Investigación e Avaliación de Afganistán (organización independente para a mellora da situación social) ou Asemblea Nacional Consultiva para a Paz que desembocou no proceso de paz de Doha.
Nesta última defendeu que as mulleres debían participar na esfera pública e acadar representación no Goberno. Tamén foi integrante da Rede de Mulleres Afgás, o que a fixo coñecida na defensa dos dereitos das mulleres e a converteu nun obxectivo vulnerable para o exército talibán. As ameazas de morte chegaron despois de que convocase a primeira manifestación tras a volta dos talibáns ao poder, poñendo en risco a súa integridade, e de que participase no apoio ao proceso de evacuación.